Román Rodríguez afirma que “os datos son favorábeis” nos centros educativos

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez (Xunta da Galiza)

Nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Educación asegura que o curso se iniciou” cunha gran normalidade” como consecuencia de que na Galiza “o sistema educativo funciona ben”.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aseguraba nunha entrevista concedida na mañá deste domingo na Radio Galega que o curso educativo na Galiza se iniciou “cunha gran normalidade”.

En relación ao aumento de casos positivos pola Covid-19 na comunidade educativa, co fechamento dunha escola infantil en Celanova e 421 casos, Rodríguez sinalaba que “nos gustaría que non houbese ningún caso” mais “tendo en conta a media afectada” no conxunto do Estado español “os datos son favorábeis”.

O conselleiro foi máis alá e indicou que “temos que estar orgullosos” ao constatar de que “os centros funcionan como cortalumes” con poucos casos por aula.

Na mesma entrevista, Rodríguez tamén avanzou a modificación do decreto que regula os comedores escolares dependentes da Xunta da Galiza para que non só familiares de primeiro e segundo grao sexan coidadores. Con esta medida, o conselleiro seguraba que se procura pretenden mellorar o servizo e adaptalo á realidade da Covid-19.

Tamén prevé presentarlles ás familias e aos concellos un protocolo para que se poidan realizar actividades extraescolares.