Rocío Barral, artesá bonequeira: "Cando comezamos tiven a sensación de que a xente esquecera xogar con bonecas"

Rocío Barral (á esquerda) xunto a súa irmá Belén na súa casa e obradoiro de Guitiriz (Nós Diario).
Rocío Barral, xunto coa a irmá Belén, mudaron da gran cidade ao interior do rural. O cambio trouxo consigo a creación dun fermoso proxecto artesanal que, desde Guitiriz, revive a maxia que tiñan as bonecas e bonecos de antes. Conseguiron actualizar as figuras con personaxes da literatura universal ou do cine mais sempre mantendo a singularidade de dar vida a xoguetes únicos. O seu éxito xa pasou polas máis importantes feiras de artesanía do país. A súa última proposta personaliza as pezas que comercializan coa imaxe da propia clientela.  

Como nace o proxecto de artesanía Lucecús?

Comezou en 2014. Daquela a miña irmá era técnica agrícola e eu traballaba atendendo o público. Sempre fixeramos agasallos personalizados á xente que queríamos. Comezou así, querendo facer  algo único, con cariño, con corazón. Na Tasca do Liño, unha feira que se fai todos os anos, as mulleres de Ínsua, en Vilalba, coñecemos o traballo da fundación Artesanía da Galiza e animámonos a emprender.

Ao inicio faciamos elementos moi pequenos, como pins de pandeireta, ao estarmos arrodeadas de moitas cantareiras. Eran figuras moi relacionadas coa música e a tradición. Pasamos a facer bonequiños de nove centímetros co traxe tradicional galego e derivou en personaxes de contos como Alicia no País da Marabillas, para pasar ao mundo do cine e ás series con personaxes que tiñan que ver con nós. 

Como se organizan? É difícil traballar en familia, neste caso coa súa irmá? 

Para nada difícil, coido que foi unha consecuencia do que nos aprendeu o noso pai. Eu fago gancho e miña irmá cose, entre as dúas tentamos facer un produto diferente no que mesturar teas, feltro, gancho. Sempre é diferente, nunca sae igual, a non ser pezas mecanizadas. Este ano desenvolvemos as Lampydolls, bonecas que son peza única en tea, como as de trapo de toda a vida. A idea é que duren e, por este motivo, levan complementos e a estrutura interior ten arame para que non perda a firmeza. Personalizámolas e mesmo quen as teña pode facerlles máis complementos. 

A boneca tal e como a coñecemos deixou atrás a imaxe de ser un xoguete para as nenas?

Deixouna, desde logo. Tampouco teñen que ver as idades e hai persoas de 10 como de 70 anos que as mercan. Sei de nenos de 12 anos que mesmo son coleccionistas deste tipo de xoguetes desde máis pequenos. A nosa intención é que poidan pasalo ben nenos e nenas de todas as idades. 

O seu papel evolucionou co tempo?

Cando comezamos é certo que tiven a sensación de que a xente se esquecera de xogar con bonecas, se cadra por estar máis mecanizadas. No noso caso fomos captando clientela fixa que valora a excepcionalidade de ter un obxecto único que ninguén máis ten. É a particularidade de facer todo o proceso, desde o deseño até a propia venda. Aínda así somos conscientes de que traballamos con algo que non necesita a xente.

Un proxecto como este, que parte de Guitiriz, ten problemas para chegar a comercializarse?

Gústanos a venda por internet. Se fose por nós, non iríamos ás feiras e eventos. É certo que o contacto coa xente achega ideas. En realidade, nós viviamos na cidade da Coruña e decidimos vir a Guitiriz, de onde era o noso pai. Foi unha decisión familiar. Facemos o que facemos por vivir aquí. Mesmo o nome que lle puxemos ao proxecto, Lucecús, era como chamaba aos vagalumes o noso avó.

É a idea de que as nosas obras teñen luz natural, non son nunca copias. Hai que recoñecer que estamos nun marco ideal, no rural, nun lugar moi especial. Iso si, traballamos de domingo a domingo, non temos descanso mais coa sorte de estar nunha contorna moi tranquila que propicia ter novas ideas e innovar. Ademais singularízanos e ten moito que ver co noso caracter o feito de vivir e traballar no mesmo espazo: a estación do tren, enriba da vivenda do seu xefe.