Roberto Vilar, no 'Land Rober' seguinte ao do episodio machista, "non imos permitir que a comedia pague os nosos erros"

Roberto Vilar, no Land Rober.

“Ás veces temos graza, ás veces temos menos e outras veces non temos ningunha graza. E isto foi o que pasou o xoves pasado. Fallamos de principio a fin”. Con estas palabras arrancaba na noite da quinta feira o programa da TVG Land Rober, o seguinte emitido após o episodio machista.

Milleiros de ollos estaban postos no inicio do programa Land Rober, da TVG, após “a espectacularización e tratamento morboso que se fixo dun caso de acoso”, en palabras do Comité Intercentros da TVG.

Precisamente aos “compañeiros e compañeiras” da TVG, “a todos os niveis” dirixiuse na noite da quinta feira o presentador, Roberto Vilar, pedíndolles “desculpas”. “Foi culpa nosa non estar á altura das circunstancias”, díxolles.

Tamén llas pediu, en nome do equipo do programa, á muller afectada. O propio Roberto Vilar tentara promover un encontro entre a moza, que se atopaba entre o público, e a súa ex parella e, fronte á insistencia do programa, ela acabou explicando en antena que puxera fin á relación por sufrir episodios de acoso, control e ciumes por parte del.

“Quéroche dar as grazas pola túa reacción, pola túa comprensión e polo teu cariño”, díxolle Vilar, quen tamén pediu desculpas á audiencia “a quen vos debemos absolutamente todo o que nos pasa a todo o público en xeral”.

Despois de explicar que “non debería ter pasado algo así no programa”, lamentou que se puxese en cuestión “o compromiso que temos coa igualdade”. “Faremos todo o que estea na nosa man para que non volva pasar o que pasou”, agregou.

“E agora imos cumprir a nosa obriga de cómicos e cómicas. Non podemos permitir que a comedia pague polos nosos erros”, finalizou Vilar no primeiro minuto de programa. Un programa que contou coa participación do director de Galicia Por Diante, Kiko Novoa, un dos xornalistas que expresaron o seu apoio público ao condutor do Land Rober cando se coñeceu o episodio machista.

Xornalistas Galegas e Feixoo

Precisamente, na quinta feira o colectivo Xornalistas Galegas reclamou áreas de xénero nos medios de comunicación para evitar episodios como o do Land Rober.

Tamén na mesma xornada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, se pronunciou ao respecto. En resposta ás preguntas dos medios tras a rolda de prensa do Consello da Xunta, cualificou de “desacertado” o acontecido no programa, mais sinalou que é un tema que está zanxado: “Houbo unha desculpa sentida e explícita”, afirmou o presidente, quen xa participara no programa de humor.

O Partido Popular terase que pronunciar ao respecto no Parlamento da Galiza, pois tanto o BNG como o PSdeG presentaron iniciativas co fin de que se depuren responsabilidades polo episodio machista e para estabelecer mecanismos que impidan que volva acontecer.

O Comité Intercentros pediu a retirada do programa da grella da TVG e criticou que a afectada tivera que “soportar” que a “sorprenderan coa presenza do seu ex mozo, que lle pedía retomar a relación”.

“A aberración continuou até que a muller relatou a situación de acoso á que a sometía a súa ex parella, revisándolle o teléfono, obrigándoa a deixar o seu traballo, impedíndolle manter as relacións de amizade coas persoas que formaban parte da súa contorna”, denunciara o colectivo.

De momento, a CRTVG non adoptou ningunha medida ao respecto. De feito, a CIG denunciou o pasado domingo que a dirección do ente público tratou de “branquear” Land Rober ao emitir a redifusión de “As tentacións de Rober”, un especial para que os espectadores e espectadoras coñecesen “o lado descoñecido” do presentador Roberto Vilar.

Land Rober continúa situándose como un dos programas de maior audiencia. Asinou na quinta feira un 15% de cota de pantalla, 120.000 espectadoras e espectadores e un 47,1% de fidelidade.