Entrevista

Roberto Fernández, médico e escritor, desvela os segredos da lonxevidade galega

Roberto Fernández, gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025. (Foto: Cedida)
O médico e escritor Roberto Fernández (Ourense, 1967) vén de ser recoñecido co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025 pola obra 'A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega', un texto dedicado á vellez e ás persoas centenarias que, desde a Galiza, nos axudan a entender as chaves dunha gran supervivencia.

—Se lle pido unha radiografía da Galiza máis lonxeva, que trazos característicos revelaría esa imaxe?
A foto da persoa lonxeva galega devolveríanos os trazos dunha muller, ante todo, porque a lonxevidade é un fenómeno que se dá máis en mulleres; do rural, porque o rural ten moita máis representación na lonxevidade que a cidade, e nada antes do ano 1950, no que eu chamo a xeración lonxeva, nacida na primeira metade do século XX.

—Na Galiza viven ao redor de 2.000 persoas centenarias. Como se explica esta alta lonxevidade que se rexistra no país?
Eu distingo tres elementos fundamentais. Un deles é a xenética, que explicaría arredor dun 20-30% da lonxevidade. No noso contexto é importante xa que sabemos que os fenómenos de alta lonxevidade danse especialmente en zonas illadas. As zonas azuis son case todas illas, e Galiza, nos anos en que a nosa xeración lonxeva foi nena, funcionaba todos os efectos como unha illa. Logo está o factor ambiental, que ten moito máis impacto que a xenética. Aquí teriamos que falar da dieta, rica en vexetais, hipocalórica e mesmo escasa en proteínas, como en Cerdeña ou Okinawa. A actividade física e o sono son outros factores coñecidos. E despois están os factores culturais, que para min teñen tanto peso coma os anteriores, e iso é o que trato de expoñer no meu ensaio.

—A que se refiren?
Teñen que ver coas prescricións sociais, coa forma de vida das persoas, e iso reflíctese nun factor central que é a laboriosidade, a 'laborexia' que eu denomino, un gran peso do traballo na vida de galegos e galegas. É un factor central porque inflúe en moitos outros, na propia actividade física, xa que a maior parte do traballo era traballo físico, de labranza e oficios relacionados. Tamén na organización do tempo, na organización do sono e mesmo na motivación para se levantaren polas mañas. O que os xaponeses da illa de Okinawa chaman ikigai. Ben, pois o ikigai galego podemos dicir que é hiperprodutividade, a laboriosidade.

—Atendendo a estas consideracións, están as xeracións máis novas en condicións de chegaren a ser lonxevas?
Esta é unha pregunta nuclear. Polo momento, a xeración que naceu antes do 1950 vai seguir viva moitos anos e vai sendo máis lonxeva porque o sistema de coidados e o sistema sanitario o permiten. Esta xeración naceu nun momento no que non había antibióticos nin coidados sanitarios de calidade. Había unha gran mortalidade infantil e materna, unha mortalidade precoz, polo que resistiron esa presión selectiva e chegaron a facerse vellos nunha situación óptima, na que hai antibióticos, antipertensivos, hai coidados na casa, hai coidados específicos para as idades xeriátricas. Nós xa non fomos sometidos a esa presión selectiva e esperemos que cando cheguemos a vellos teñamos un sistema público de coidados e atención sanitaria de calidade, e terémolo se non permitimos a súa deterioración.

—Cales serán as chaves da lonxevidade futura?
Serán outras porque a cultura vaise globalizando e nós ímonos apartando dos factores culturais que condicionaron as lonxevidade dos nosos maiores, como, por exemplo, a súa resiliencia. Nós xa non afrontamos as adversidades que afrontaron eles, especialmente a morte, a morte de precoz, o contacto coa morte como elemento de sensibilización. Agora enténdese case coma un tabú. Tamén o estereotipo de afabilidade e estabilidade do galego, que eu trato de desentrañar no ensaio para ver até que punto puideron funcionar como elementos de lonxevidade, contrastándoos coa evidencia científica. O que sempre se chamou o bo sentido e eu denomino metasentidiño, o que os anglosaxóns chaman consciousness, tamén é un factor de lonxevidade. É dicir, que hai unha serie de cuestións culturais das que nos imos afastando e non sabemos como iso pode axudar. Eu defendo que abandonar os valores culturais propios, aqueles que puideron condicionar a lonxevidade dos nosos maiores non é unha boa influencia.

—Fiarase máis a lonxevidade aos avances científicos, en campos como o da biotecnoloxía?
A lonxevidade vaise fornecer seguro desde o ámbito científico e sanitario, cunha atención centrada mesmo na propia supervivencia, mediante o uso de fármacos, células nai ou a edición xenética. Pero isto só representa unha parte. O que fai un na vida e como o fai tamén é importante. Sen isto, a lonxevidade pode ficar coxa, non o sabemos. En calquera caso, o que se persegue xa non é unha lonxevidade maior, que se pode alcanzar, senón de calidade, unha centenaridade saudábel.

—Sen perder de vista que non estamos deseñados para vivir eternamente.
Polo momento a vida humana ten un límite biolóxico que se estima ao redor dos 130 anos. Nunca se chegou até aí. A idade máxima foi de 122. A ciencia di que ese límite biolóxico vai ser moi difícil de superar, pero moitas fronteiras que parecían imposíbeis no pasado fóronse cruzando, así que non podemos facer afirmacións categóricas.

Chegar aos 100 anos, un logro excepcional

Como médico, Roberto Fernández traballa a diario ao carón das persoas maiores. "Sempre me suscitaron moita curiosidade e teño participado en varias iniciativas neste sentido, como o 'Banco de lembranzas. Historias de vida de persoas maiores' ou o estudo sobre a lonxevidade na Galiza", unha investigación presentada na primavera de 2025 baixo o título Ourense, clave para a lonxevidade. O fenómeno do centenario.

Case un ano despois Fernández verá publicado –Editorial Galaxia– A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, un texto da súa autoría gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, unha obra na que pensa a vellez e a lonxevidade tamén desde o rigor científico e vocación divulgativa, fronte a un enfoque ás veces frívolo ou "sensacionalista", cada vez máis frecuente. "Chegar aos cen anos polo momento é unha excepción, non unha regra", conclúe.