Gráficos

O risco de pobreza e exclusión dispárase até 25,5%, unha de cada catro galegas e galegos

Evolución dos indicadores de pobreza e risco de exclusión social e mais a renda neta media por persoa en 2023. (Fonte: INE)
Salienta tamén a elevada porcentaxe de persoas con carencia material severa na Galiza, que en 2023 sobe até 8,2%, case dous puntos máis que no ano anterior e o dato máis elevado da serie histórica.

Un de cada catro galegos e galegas, o 25,5% da poboación total do país, atópase en risco de pobreza ou exclusión social segundo o indicador europeo AROPE(At Risk of Poverty and/or Exclusión). Así se desprende da Enquisa de Condicións de Vida que publicou esta segunda feira o INE, con datos actualizados de 2023 —mais referidos á renda do ano anterior—.

O dato do pasado ano tradúcese nunha repunta de case dous puntos porcentuais en comparanza co exercicio precedente (23,6%), o maior incremento interanual da serie histórica —desde 2014—, segundo os mesmos datos do INE. Nin sequera aumentara tanto de 2019 a 2020, ano marcado pola crise económica e social derivada da pandemia da Covid-19, cando se elevara 1,1 puntos até alcanzar un 25,3% que fica por baixo do 26% do pasado ano.

No conxunto do Estado español a taxa AROPE medra cinco décimas, até situarse no 26,5% da poboación. Só os datos de Ceuta (41,8%), Andalucía (37,5%), Melilla (36,7%), Canarias (33,8%), Estremadura (32,8%), Castela-A Mancha (31,7%), Murcia (30,5%) e País Valencià (29,6%) empeoran o rexistro da Galiza, mentres no lado oposto da balanza fican Euskadi (15,5%) e Nafarroa (17,2%).

 

Mais a taxa AROPE non é o único indicador con rexistros preocupantes que se desprende da última Enquisa de Condicións de Vida do INE, pois este amplo estudo estatístico evidencia tamén que até 19,4% da cidadanía galega está, tomando como referencia os datos da renda de 2022, en risco de pobreza. É dicir, que os seus ingresos son inferiores ao 60% da mediana por unidade de consumo. O dato é significativamente superior ao do exercicio precedente (+1,4 p.p.) mais, por outra parte, inferior en case tres puntos (-2,7 p.p.) ao de 2020.

E salienta tamén a elevada porcentaxe de galegos e galegas con carencia material severa —carencia dun mínimo de catro elementos de acceso a bens e servizos dunha listaxe de nove—, que en 2023 sobe até 8,2%, case dous puntos máis que no ano anterior e o dato máis elevado da serie histórica.

Entre as principais carencias, salienta que o 38,2% da cidadanía galega —case catro de cada dez persoas— non pode permitirse marchar de vacacións cando menos unha semana ao ano, ou que até o 29,1% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos que poidan xurdir ao longo do ano. E hai un 21,5% que non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada. Tamén un 8,6% dos galegos di ter "moita dificultade" para chegar a fin de mes, fronte ao 9,3% dos españois que o aseguran.

Renda

No tocante aos ingresos, a renda media neta por persoa subiu na Galiza até os 13.147 euros en 2023, un 6,4% máis que no ano anterior, pero continúa moi lonxe dos 14.082 euros da media estatal, que medrou na última anualidade por volta de 8,25%. Galiza fica até 5.000 euros por baixo de Euskadi, que lidera esta clasificación (18.189 euros), e menos de 2.000 por riba de Murcia, que a fecha (11.314 euros)

 

Aliás, no último ano incrementouse a fenda en materia de ingresos entre as galegas e galegos e as persoas residentes no resto do Estado, pois en 2022 a diferenza na renda neta era de menos de 700 euros anuais e ao remate do pasado ano ascendeu a case 1.000. Nos últimos 15 anos Galiza nunca conseguiu superar a media estatal.