“Os ríos son nosos, non de Villar Mir”: miles marchan en Compostela polo emprego en Ferroatlántica

O persoal mantén o pulso mobilizador contra o intento de venta das centrais cunha manifestación multitudinaria. "Imos seguir até que a Xunta diga claramente que non se poden segregar as actividades", asegura o portavoz do comité de empresa. 

A marcha do persoal de Ferroatlántica que partiu hai catro días de Cee rematou este sábado en Compostela cunha numerosa manifestación, entre 8.000 e 9.000 persoas segundo o comité de empresa, en contra da venda das centrais que ameaza centos de empregos na Costa da Morte. Traballadores e traballadoras manteñen o pulso mobilizador contra o intento de segregación do grupo con esta nova xornada de folga. “Os ríos son nosos, non de Villar Mir”, berraron milleiros nas rúas da capital galega, en apoio do persoal e na defensa dos recursos naturais do país.
 

Para o comité de empresa, se a Xunta acepta a supresión da cláusula que vincula as actividades de Ferroatlántica (as centrais hidroeléctricas e as fábricas de ferroaliaxes) "será por decisión política e deberá achegar unha sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica esta medida". O portavoz do comité, Alfonso Mouzo, insistiu en que esta decisión suporá a “ruína” para a comarca e rexeitou os argumentos do PP de considerar esta decisión como un asunto de carácter técnico. O protesto que partiu da Alameda compostelá –coa presenza entre outros dos voceiros de BNG, En Marea e PSdeG– rematou fronte a sede da Xunta en San Caetano para evidenciar a ampla oposición social ao intento de segregación.
 

Mouzo valorou a manifestación como "un éxito rotundo" e como unha mostra da determinación do persoal de continuar a mobilización. "Son moitos meses de loita con este conflito, desde o mes de outubro. A Costa da Morte está solidaria cos traballadores de Ferroatlántica. Pedímoslle á Xunta que de xeito inmediato paralice a venda das centrais. O interese público xa está moi ben definido nas propias concesión. O pulso vai seguir até que a Xunta diga claramente que non se poden segregar as actividades", asegura en declaracións a Sermos Galiza.
 

"Parece que o grupo quere vender á sociedade que agora as centrais son unha carga económica, cando, en toda a súa historia, os saltos de auga sempre deron beneficios que, por certo, non foron reinvestidos na mellora e modernización das fábricas", salientan desde o comité de empresa que considera “imposíbel conxugar que a venda das centrais sexa a un mesmo tempo para sufragar o cacarexado plan industrial e para afrontar a avultada débeda do grupo Villar Mir".
 

Na manifestación que aínda percorrer Compostela tamén está a participar o persoal das minas de Serrabal, explotada por unha filial de Ferroatlántica, e máis delegados dos comités da empresa en Francia, que aseguraron que a compañía ten intencións similares para as súas fábricas no país galo. 
 

“A pretensión é apropiarse dunha parte dos beneficios millonarios que lle reportan a explotación dos ríos Xallas e Río Grande”, sinalou nas horas previas o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que recordou que estes réditos “permitiron Villar Mir amasar unha grande fortuna”.