Os ríos contan con 13.600 quilos menos de residuos

Limpeza dos ríos en setembro de 2020 co Proxecto Ríos no concello de Carballo (Imaxe: Adega).
766 persoas participaron na xornada de limpeza Proxecto Ríos que organiza Adega desde hai quince anos. "A súa resposta sempre é espectacular", di un dos organizadores sobre o voluntariado.

Rodas de camión, de tractor, un secador do pelo, algunhas máscaras ou restos de toallas húmidas desbotábeis. Son algúns dos obxectos que retirou o voluntariado do Proxecto Ríos nos 56 treitos fluviais nos que actuou o pasado domingo.

Asociacións e colectivos locais xa teñen marcada esta xornada de limpeza dos ríos no calendario. Adega, a Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza, organízaa desde hai quince anos. E aínda que no  contexto actual temía un descenso na participación, a pandemia apenas deixou notar os seus efectos e 766 de 48 municipios diferentes participaron dos traballos.

Retiramos uns 13.600 quilogramos de residuos segundo as nosas estimacións, di Paco Bañobre

"Retiramos uns 13.600 quilogramos de residuos segundo as nosas estimacións", explica  a Nós Diario Paco Bañobre, integrante de Adega e un dos impulsores do Proxecto Ríos. Bañobre repite decotío o agradecemento da entidade cara aos voluntarios e voluntarias. "A súa resposta sempre é espectacular", asegura.

Os ríos están acotío nun estado de abandono e a xente non lles dá o valor que teñen, explica unha das voluntarias

Sara Santalla e David Bouza son xa habituais nesta convocatoria, no seu caso da man da Gentalha do Pichel en Santiago de Compostela. "Os ríos son unha parte esencial dos ecosistemas galegos, mais están acotío nun estado de abandono e a xente non lles dá o valor que teñen", comparte a primeira. O segundo valora que esta actividade permite "participar na conservación da contorna máis próxima".

Implicación municipal

Bañobre destaca que cada vez máis Administracións locais se prestan a convocar a xornada do Proxecto Ríos. "É o caso das de Nigrán ou Gondomar, onde participou moita xente. Entendemos que existe por parte dos grupos que xestionan as corporacións municipais unha implicación cada vez maior deste tipo de accións", valora.

Retiran botellas desbotadas hai corenta anos, apunta Bañobre

Algúns dos grupos atopan  áreas onde se acumulan depósitos desde hai décadas. "Practicamente fan arqueoloxía do lixo, retiran botellas desbotadas hai corenta anos. Nestes casos nós recomendamos dar un aviso ao Concello, pois non deberan ser os voluntarios quen retiren estes residuos", di Bañobre.

Este ano, para contribuír coa sustentabilidade por partida dobre, o Proxecto Ríos mudou a camiseta coa que agasallaba o voluntariado por unha máscara. "Fabricada polas traballadoras dunha empresa do Porriño", agrega o organizador.