A Ribeira Sacra relanza a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Humanidade

Xosé Gago, este sábado, 9 de marzo, en Sober (Terra de Lemos). (Foto: Participa Ribeira Sacra)

Representantes dos sectores culturais, económicos e sociais xuntáronse este sábado para achegar opinións sobre o proceso

A Casa Grande de Rosende, en Sober (Terra de Lemos) acolleu este sábado, 9 de marzo, unha xornada para relanzar a estratexia de participación veciñal na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco). Así, veciñas e veciños xuntáronse para informarse e opinar sobre o proceso de candidatura.

A proposta da Ribeira Sacra a integrar este listado patrimonial fora adiada en 2021 baixo o pretexto dun “exceso de candidaturas”, segundo trasladaran na altura o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de España na Unesco, Juan Andrés Perelló. Con todo, un informe do Comité internacional dos monumentos e os sitios (Icomos) sinalaba ao “impacto visual” dos polígonos eólicos, dos encoros e das canteiras a ceo aberto.

A deste sábado foi a primeira actividade para retomar contacto cos axentes locais, á cal seguiran unha serie de actos nos vindeiros meses por todo o territorio. O programa abriuno Cipriano Marín, relator do expediente da candidatura, para dar conta do estado actual do proceso e dos principais cambios no relanzamento, centrado na declaración da Ribeira Sacra como paisaxe cultural da auga. Na súa intervención, Marín salientou que a candidatura é unha carreira de fondo e que non debe ser considerada a fin, senón como un punto de partida para alcanzar un territorio comprometido co seu patrimonio e co desenvolvemento sostíbel.

A seguir, Mario Crecente aclarou detalles do novo expediente da candidatura, desta vez delimitado xeograficamente para abranguer o territorio declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e coa auga como elemento conector. Crecente tamén repasou a liña temporal do proceso de candidatura, sendo un dos fitos máis próximos a primeira entrega do expediente para outono do presente ano.

De cara ao relanzamento da candidatura, tanto Crecente como Marín afirmaron que contar coa participación veciñal é parte fundamental do proceso. Nesta liña expresouse tamén Xosé Gago, que presentou a estratexia participativa que se desenvolverá nos vindeiros meses. Gago informou das tres figuras de participación nas que estarán representados os sectores social, económico e cultural.

Unha vintena de representantes de diferentes lugares e sectores da Ribeira Sacra, presentes na xornada deste sábado, expresaron as súas opinións e observacións sobre a candidatura, nunha sesión que serviu como punto de partida para que este enclave sexa declarado Patrimonio Mundial da Humanidade pola Unesco.