A veciñanza de Ribeira mantén a loita por unha sanidade pública digna

Mobilización da veciñanza de Ribeira (O Barbanza), este 18 de setembro ante o centro de saúde, coa participación do alcalde, Luís Pérez Barral. (Foto: Nós Diario)
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza e a veciñanza volveron concentrarse no centro de saúde para reclamar a cobertura total das prazas de atención primaria.

Lonxe de desistir, a veciñanza de Ribeira volveu concentrarse esta quinta feira, 18 de setembro, diante do centro de saúde da capital do Barbanza para reclamar á Consellaría de Sanidade que cubra de maneira permanente todas as vacantes de medicina de familia. Na actualidade faltan tres especialistas das 14 prazas estruturais asignadas ao ambulatorio, situación que, segundo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, xera "atrasos inasumíbeis" na atención.

A plataforma lembrou que, ademais desas tres prazas sen cobertura, outras tres só están cubertas con contratos temporais que rematan a finais deste mes, polo que o problema "pode agravarse aínda máis".

Mobilización da veciñanza de Ribeira, este 18 de setembro. (Foto: Nós Diario)

O alcalde, Luís Pérez Barral, participou na concentración e mostrou o seu apoio á causa: "Levamos meses mobilizándonos por algo que é de xustiza, que é defender a sanidade pública e que poidamos ter persoal sanitario que nos atenda cada vez que estamos enfermas ou enfermos, nun tempo razoábel", sinalou Pérez Barral. "Non é asumíbel que teñamos que agardar máis de 15 días para sermos atendidos ou que non haxa citas en Atención Primaria", engadiu.

O rexedor lembrou que o Concello xa realizou, desde o comezo do mandato, máis de 15 peticións á Consellaría de Sanidade, tanto por escrito como por teléfono, sen recibir ningunha resposta. "Seguiremos insistindo en pedir reunións, solucións e que se escoite a Ribeira. Queremos médicos no centro de saúde e nas parroquias, porque é un dereito básico", afirmou o alcalde.

"A prioridade número un do Goberno de Ribeira é que haxa médicos suficientes", explicou Pérez Barral. "A prioridade non é o ladrillo", dixo en referencia á posibilidade de reformar o centro de saúde da localidade, "a prioridade é que teñamos profesionais que nos poidan atender".

Mobilización da veciñanza de Ribeira, este 18 de setembro, ante o centro de saúde da localidade. (Foto: Nós Diario)

Cadea humana

A axenda da mobilización incluíu a lectura de manifestos en defensa dun sistema sanitario público, universal e de calidade. Como nova acción, a Plataforma prepara unha cadea humana o vindeiro 11 de outubro, ás 16.30 horas, que unirá o centro de saúde de Ribeira co hospital do Barbanza e para a que precisan a colaboración de arredor de 5.000 persoas.