Ribadeo visibiliza a memoria das mulleres "porta a porta"

O alumnado participante votou en asemblea os nomes para as súas aulas.
A Concellaría de Igualdade de Ribadeo impulsa, en colaboración coa comunidade escolar, o proxecto 'Eu Quero Ser Coma', que promove a igualdade nas aulas desde a infancia e visibiliza as mulleres e os seus logros ao longo da historia. 

Facendo súa a premisa de que "aquilo que non se nomea non existe", a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Ribadeo teñen en marcha o proxecto "Eu quero ser coma", unha iniciativa que se desenvolve coa comunidade escolar máis cativa, co obxectivo de visibilizar as mulleres e os seus logros, acabar co silencio e devolverlles o seu papel protagonista na historia.

Nos últimos días, alumnado de Infantil e Primaria dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús participou no que se denomina "viaxes no tempo", que se organizan dentro do proxecto grazas á colaboración da clase de coeducación do IES Dionisio Gamallo, catro profesoras do centro e dúas voluntarias do grupo de teatro de Ribadeo, que asumiron os papeis desas mulleres do mundo da música, a pintura, a ciencia, a literatura ou o deporte. "Son historias contadas de primeira man polas súas protagonistas, que aínda hoxe son recordadas polo seu papel na historia, malia que nun primeiro momento a maioría sufriron moitas trabas para poder chegar onde chegaron, pola condición de ser mulleres", inciden desde o CIM de Ribadeo.

Os 38 nomes seleccionados son froito dun proceso de investigación por parte das entidades impulsoras que deu pé á creación de recursos didácticos arredor destas mulleres. A cifra, indican as organizadoras, responde ao número de aulas de Infantill e Primaria dos colexios nos que se realiza a actividade, e a elección ten un porqué: cada clase participante tivo a oportunidade de coñecer a biografía de dúas destas mulleres e elixir nas últimas semanas, vía votación, cal dos seus nomes levará a súa aula. 

Mulleres ribadenses e máis

Eses nomes recordan veciñas da propia vila de Ribadeo, caso de Manuela Barreiro, a primeira galega en obter un título universitario, a atleta Ana María Ferradás ou o grupo feminino de gaitas Meniñas da Saudade. Tamén as hai procedentes da Mariña como Maruxa Mallo, galegas relevantes como Antonia Ferrín, a primeira astrónoma do país, e figuras internacionais, desde a rapeira e activista afgana Sonita Alizadeh até a cantante chilena Violeta Parra. 

As súas caras son coñecidas xa polas nenas e nenos participantes neste proxecto, a través da exposición que se pode ver até o día 14 na Escola Municipal de Música e Danza, obra do alumnado de 3º e 4º da ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual do IES Dionisio Gamallo. 

"Queremos promover a igualdade entre as nenas e os nenos, entre as rapazas e o rapaces,  sacando á luz referentes femininos, modelos de mulleres nos que elas se poidan ver reflectidas e inspiradas e, ao tempo, que os nenos perciban que unha muller ten as mesmas capacidades que un home, e que os discursos de superioridade están obsoletos", subliñan desde o CIM.

Nas próximas semanas o proxecto completarase co "bautismo" das aulas, mediante a colocación nas 38 portas das placas coa identidade e o retrato da muller seleccionada, abrindo a educación ao recoñecemento e a memoria.