En Ribadeo, esta sexta feira, a defender a alegría

A Casa das Letras da vila mariña acolle a presentación pública de Azou, unha asociación contra a ''Europa branca do capital'' e por unha República galega a navegar por un mundo de cores. 

Reclámanse fill@s do 'Cantares Gallegos' de Rosalía tanto como do 'London Calling' dos Clash. Toda unha declaración de intencións que resumen nunha frase dun de Rianxo, Daniel Castelao: “Hai unha forza que nos empurra cara o mundo e outra que nos xungue á terra nativa". Ler, bailar, escoitar, amar, defender, atacar, entender, discutir...a asociación cultural Azou abrolla na Mariña para soñar mil primaveras máis para a Galiza ceibe nun mundo xusto e solidario.

“Tomamos clara e abertamente partido: República Galega. Soberanía desde o pobo, democracia real, dereitos sociais e nacionais, liberdade. Recoñecémonos no mundo que está por construír” Toda unha declaración de intencións. Malcolm X e Castelao partillan loita contra a dominación. Sorrimos mentres loitamos. Non hai mellor lugar para facer cultura que a primeira liña do frente.