Ribadeo diríxese a Xunta e Goberno estatal para manter o nome da Ría

Ría de Ribadeo (Foto: Turismo.gal)

Ante a petición de Asturias para o seu cambio. O alcalde subliña que o Instituto Xeográfico Nacional xa deixou claro o topónimo nun informe de 2008

 

O Concello de Ribadeo remitiu escritos á Subdelegación do Goberno español en Lugo e á Consellería de Cultura da Xunta para reclamar que se manteña o nome da ría de Ribadeo, despois de que Asturias trasladase ao Estado unha petición para o seu cambio a 'ría do Eo'.

Segundo informa o Concello, estes escritos tamén foron dirixidos á Real Academia  Galega (RAG) e ao Instituto Xeográfico Nacional en relación co topónimo oficial da ría de Ribadeo e co fin de coñecer as pretensións "exactas" de Asturias e en que se basea.

"Non é ría do Verdugo, senón ría de Vigo; non é ría do Landro, senón ría de Viveiro; non é ría do Navia, senón de Navia; e non é ría do Sella, senón ría de  Ribadesella. Por tanto, non é ría do Eo, senón ría de Ribadeo", defende o alcalde, Fernando Suárez (BNG).

"Non entendemos a necesidade de reabrir este debate nestes momentos, máis cando o Instituto Xeográfico Nacional xa o deixou moi claro no seu informe do ano 2008. É dicir, a ría de Ribadeo é un ben común, tanto de asturianos como de galegos, non é máis dunha beira que da outra, e debe unirnos en lugar de afastarnos", razoa.

"Pero vémonos no deber de defender novamente a oficialidade do topónimo da ría de Ribadeo como único válido por todas as razóns que a historia desde séculos atrás avalan e que todas as rías en Galiza, en Asturias e no Cantábrico levan o nome da poboación histórica máis importante", agrega o rexedor.

O rexedor considera que "quen está promovendo de novo este enfrontamento interesado debería promover máis a resolución dos problemas que hoxe ten a ría, como os altos niveis de  coliformes provocados pola falta de saneamento integral, especialmente pola banda asturiana".

O Instituto Xeográfico Nacional ( IXN) comezou a tramitar a solicitude do Principado de Asturias para que se  oficialice o nome de 'Ría do Eo'. Nestes momentos, o Estado usa o topónimo de ría de Ribadeo para referirse ao estuario que separa Asturias e Galiza.