'Ribadeo, Camiño seguro': un espazo libre no Camiño do Norte de violencias machistas

Ribadeo Imaxe: Turismo.gal

O proxecto quer implicar cidadanía, administracións públicas e entidades privadas na importancia de xerar espazos que favorezan a prevención da violencia sexual nas rutas do Camiño de Santiago.

O Camiño do Norte é o máis longo de todos os Camiños de Santiago, 820 km divididos en 34 etapas. A parada entre a etapa 26 e 27 é Ribadeo, unha parada que unha campaña impulsada desde as áreas de Igualdade, Turismo e Desenvolvemento local do Concello de Ribadeo pretende ser un espazo seguro e libre de violencias machistas.

Un proxecto “innovador e transformador”, indican desde as impulsoras do mesmo, e na que se traballou da man de 7H Cooperativa Cultural e Cooperativa Arabías. A iniciativa conta con apoio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

E en que consiste? Pois 'Ribadeo. Camiño seguro' quer ofrecer un entorno seguro para as mulleres que viaxan soas, ao tempo que concienciar á cidadanía en xeral sobre este dereito e a necesidade de rexeitar todo tipo de violencias machistas. Potenciar Ribadeo como punto referente do Camiño do Norte é outro dos obxectivos “ Queremos rachar esa fenda, esa concepción que existe e queremos que esa idea de poder viaxar soas sexa unha opción e desde logo que non se nos cuestione en ningún momento, que nós non sexamos as que teñamos que ter esa temeridade de poder facelo”.

“Ribadeo. Camiño Seguro aposta por ofrecer un compromiso institucional coa prevención das violencias machistas, poñendo o foco na violencia sexual que pode acontecer cando unha muller viaxa soa”.

Fases

O proxecto dividese en varias fases: que mulleres e peregrinas que viaxen soas partillen a súa experiencia, a elaboración dun vídeo e o impulso dun Pacto Local pola Prevención da Violencias Machista no Camiño.