As xornadas terán lugar os días 10 e 11 no teatro da localidade

Ribadeo aborda a conexión entre vulnerabilidade e violencia de xénero

As xornadas inclúen actividades para crianzas [Imaxe: Concello de Ribadeo]

O Concello de Ribadeo organiza os vindeiros 10 e 11 de maio as Xornadas de abordaxe integral da violencia de xénero no ámbito local, unha iniciativa que cumpre doce anos e que nesta ocasión leva por título "Transitando nas marxes: a maior vulnerabilidade, maiores violencias". Co obxectivo de desvendar todas as manifestacións da violencia machista, as xornadas inciden nesta edición na conexión entre esta e a vulnerabilidade das mulleres por razón de raza, etnia, discapacidade ou idade, entre outros factores que, sinala a organización, potencian a discriminación e a opresión das mulleres vítimas de violencia machista. As xornadas tamén tocará a responsabilidade das administracións na situación de desprotección que padecen. 

A décimo segunda edición das xornadas comeza o venres, día 10, ás 16.30 horas do coa presentación a cargo da concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez, e do alcalde, Fernando Suárez, para dar paso deseguido á primeira ponencia de Luísa Velasco, psicóloga e exinspectora da Policía Local, sobre "A primeira acollida das vítimas de violencia de xénero". Ás 19:00 horas principiará a intervención de Mariqueta Vázquez, enfermeira e presidenta da Asociación de Mulleres para un Envellecemento Saudábel (AMES) que leva por título "Por un envellecemento saudábel e sen violencia".

Xa o sábado, a partir das 10:30 horas, falarase da experiencia de coeducación no IES Fontexería de Muros, "Nós tamén navegar: desaprendendo o sexismo desde as aulas", explicada por Sonia Fernández, experta en xénero e profesora de matemáticas nese centro educativo. Ás 11:30, a socióloga Iria Vázquez falará sobre "A violencia machista institucional", e ás 13:00 horas, Gloria Viseras, ex ximnasta e fundadora da organización "Ouro, prata e bronce sen violencia cara ao deportista": presentará unha ponencia co título "Unha medalla vale máis que a saúde e a integridade dunha persoa". Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, proxectarase o documental "Benvidas a club sobre a operación Carioca", de Carmen Granxeiro e, acto seguido, "Antixitanismo patricial", a cargo da activista feminista Silvia Agüero. As XII Xornadas sobre violencia de xénero rematan ás 19:30 horas coa a actuación "Deforme semanal: programa cultural e político presentado por Isa Calderón e Lucía Lijtmaer. A organización informa de que, como en anos anteriores, haberá actividades para crianzas de 3 a 12 anos na carpa de igualdade.