As rías galegas están a sufrir 265 verteduras contaminantes

Mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)
As rías máis afectadas son a de Muros-Noia e a de Arousa. A Consellaría de Infraestruturas tamén recoñece que a metade das depuradoras en concellos de máis de 2.000 habitantes non funciona ben.

A Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, da que depende Augas da Galiza, informou hoxe de que até esta data foran rexistradas na Galiza 1.648 verteduras nas rías.

Destas verteduras, 265 están consideradas contaminantes e continúan a desaugar no mar. Pola contra, 790 atópanse dentro dos límites legais e 593  aparecen como arranxadas.

Descontando 22 verteduras contaminantes que a Administración cataloga como “en investigación”, a ría de Muros-Noia acumula o maior número de capítulos de contaminación, con 63.

A seguinte na listaxe é a ría de Arousa, na que se rexistraron 53 verteduras, seguida por Ferrol (28), Ares-Betanzos (18), Pontevedra (17), Vigo (16), Ortigueira (13), Camariñas (11), Baiona (8), Corcubión (4), A Coruña (3), Barqueiro (3), Corme-Laxe (2), Viveiro (2), Foz (1) e Cedeira (1).

Isto supón un incremento do número de episodios con respecto aos rexistrados en anos anteriores: 1.596 en 2020, 1.575 en 2019 e 1.532 en 2018. A Consellaría sostén que as verteduras contaminantes reduciron a súa porcentaxe, tras pasar do 40% do total en 2010 ao 16% actual.

Ademais, a institución estima que a metade das depuradoras en concellos de máis de 2.000 habitantes non funcionan axeitadamente, permitindo, por exemplo, a entrada de auga do mar ou pluviais. Todo isto após recibir Galiza máis de 25.000 millóns de euros da Unión Europea destinados a sanear as rías.

O biólogo e economista Uxío Labarta, vencellado ao Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e ao Consello Superior de Investigacións Científicas, apuntaba hai uns días que as rías “padeceron un persistente e estendido problema ambiental derivado de augas residuais urbanas e, máis delimitado, de contaminación industrial”.

Asemade, incide nas denuncias pola mala ou inexistente depuración das augas residuais, así como “nas achegas alteradas dos ríos que dan ao mar, e aí seguimos: sendo mar, pero sen coidalo”.

Porén, non só as verteduras afectan ao estado do mar na Galiza, “todas as obras na costa cambian as correntes e alteran o banco marisqueiro”, subliñaba nunha entrevista a medios nacionais Juan Miguel, mariscador na Pobra do Caramiñal.

“Concordo co que din moitos mariscadores”, afirma o investigador Pablo Pita, que asegura que “a destrución de hábitats, a desviación de correntes e a contaminación, levaron a que algunhas rías se deterioraran completamente".