Rianxo tórnase no epicentro da solidariedade desde o IES Félix Muriel

I Semana Solidaria

O centro de ensino secundario organiza a I Semana Solidaria xunto con ducias de organizacións e asociacións que presentarán as súas actividades, proxectarán documentarios e ofrecerán obradoiros. 

 

O IES Félix Muriel de Rianxo organiza do 7 ao 11 de abril a I Semana Solidaria. Obradoiros exposicións, ciclos de cinema, performance teatrais e conferencias cunha temática común "a concienciación na solidariedade". (Podes consultar a programación completa nesta ligazón).

A iniciativa visa tornar a vila "no centro de debate e formación sobre a solidariedade en Galiza" para o que se congregarán ducias de organizacións e asociacións que traballan "a prol de causas xustas". Cruz Vermella, Médicos Sen Fronteiras, A CREBA, AMiPA, a Fundación Paideia ou o Centro de Educación Especial de Vilagarcía son algúns dos colectivos que tomarán parte nesta actividade pensada, explican @s organizador@s, "para traballar de maneira dinámica" arredor da conciencia solidaria. 

Para difundir a I Semana Solidaria desde o IES Félix Muriel lanzaron unha campaña nas redes sociais na procura da madriña ou padriño que poña faciana a esta iniciativa. Unha acción que "está a ter unha acollida que nen nos imaxinabamos", sinalan.

E é que múltiples artistas recoñecid@s enviaron xa os seus vídeos para se candidatar ao concurso. Cristina Castaño, Manuel Manquiña, Nieves Rodríguez, Gayoso, Roberto Vilar, Touriñán, Irene Lourido, María Mera, Pepo Suevos, Fran de Herdeiros da Crus , Bea Hervella e Isi responderon á chamada do IES de Rianxo e son algunhas das persoas que apoian a I Semana Solidaria.