3 días de loito en Rianxo

Adolfo Muíños, sobre o asasinato de Diana Quer: "Fica moito por facer para erradicar o machismo"

[Imaxe: Luís Miguel Bugallo Sánchez] Casa consistorial de Rianxo

A vila de Rianxo acolleu no mediodía desta segunda feira unha concentración de repulsa do asasinato de Diana Quer, a moza madrileña que permanecía desaparecida desde o 22 de agosto de 2016. O Concello, reunido nun pleno extraordinario, decretou tres días de loito oficial.

O Concello de Rianxo vén de decretar tres días de loito oficial polo asasinato de Diana Quer, a moza madrileña desaparecida o 22 de agosto de 2016 e cuxo cadáver apareceu o domingo 31 nunha nave situada en Asados (Rianxo) após a declaración do asasino confeso, José Enrique Abuín Gey.

 

O alcalde da vila, Adolfo Muíños (BNG), leu a acta da sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar na mañá do día de hoxe durante a concentración desenvolvida ás 13h en repulsa do asasinato de Diana Quer, cualificado de crime “machista” polo rexedor.

 

O pleno do concello expresou o desexo de vivir nunha “sociedade segura, na que pasear, traballar, estudar, na que vivir”. “Querémolas vivas”, salientou Adolfo Muíños, que ratificou o seu compromiso de loita contra a violencia machista.

 

“Esta vez tocounos a maldade na porta para nos lembrar que fica moito por percorrer nesta sociedade, moito por facer para erradicar a lacra do machismo e non podemos ser cómplices, mirar cara a outro lado e pensar que só ocorre lonxe de nós”, engadiu o nacionalista.

 

Condolencias á familia

 

A Corporación expresoulle á familia da asasinada o seu “sincero pésame, respeito e solidariedade”. “Non hai un final que sexa feliz neste caso, mais a resolución e detención do culpábel é unha boa noticia”, afirmou o alcalde, que felicitou as veciñas e veciños e os corpos de seguridade e emerxencias pola súa “implicación desde un primeiro momento”.