“A Ría é nosa e non de celulosa”: centos marchan polo feche de Elnosa e Ence e contra a eucaliptización

Imaxe de Galiza Nova

A mobilización reclamou o desmantelamento da electroquímica Elnosa, como paso previo ao fechamento definitivo da pasteira.

Máis unha vez, centos de persoas volveron marchar desde Pontevedra e Marín respondendo á convocatoria da Asociación pola defensa da Ría (APDR) para pedir a fin de Elnosa e Ence na Ría de Pontevedra, para alén de denunciar a “eucaliptización” dos montes galegos.

 

A APDR lembra que que a lexislación europea prohibe o uso da chamada tecnoloxía do ‘cátodo de mercurio’ para a fabricación de cloro e sosa máis alá do 11 de decembro de 2017, data pactada ademais co sector, que adquiriu o compromiso de adoptar a tecnoloxía de membrana, libre de mercurio, con antelación a esta data. Porén, a asociación denuncia que o PP “semella estar disposto a saltarse de novo a lexislación e prorrogar tamén o uso do mercurio na electroquímica Elnosa”, unha decisión que, aponta, “se trataría dun novo chanzo na escalada de corrupción ambiental que o PP vén desenvolvendo na nosa Ría”.

 

Así, lembran “O mercurio é un dos contaminantes máis perigosos para o medio, os recursos naturais e a saúde humana, por iso non se pode permitir que se siga vertendo ilegalmente á Ría e emitido ao ar que respiramos! Temos que esixir que se cumpra a lei e se desmantele a fábrica de Elnosa este ano, non máis alá do 11 de decembro, porque é de xustiza e porque así o esixe a Unión Europea”.

 

Entre os participantes na marcha, representantes de formacións políticas como BNG, En Marea, Causa Galiza. A portavoz nacional, Ana Pontón definiu a mobilización como a “marcha da dignidade” contra a “cacicada do século” do Goberno de Rajoy “coa complicidade de Feijóo”, que modificaron a lei para perpetuar a continuidade de Ence na Ría de Pontevedra. Pontón incidiu en que o BNG vai seguir “dando a batalla política, legal e cívica” para que ENCE deixe de contaminar a Ría de Pontevedra. Pola mañ.a, durante un acto en Marín canda Xosé M. Beiras e Lidia Senra, Luis Villares definicu como unha prioridade traballar para a saída do complexo industrial Ence-Elnosa para que a cidadanía "poida recuperar unha ría que estea limpa".