Ría do Burgo, vertedoiro municipal

O informe Bandeiras Negras de 2012 situouna como unha das rías máis contaminadas de Europa polas emisións directas de residuos procedentes de varias fábricas. Nesta completa reportaxe repasamos en que situación en que se atopa a ría e o sector produtivo que se move ao redor dela


Cunha extensión de un millón douscentos mil metros cadrados, a Ría do Burgo baña os concellos de Oleiros, Cambre, Culleredo e A Coruña. Nas súas augas ameixas e berberechos daban traballo aos 2182 mariscadores que estaban censados no 1989. Desenvolvían o seu labor nun entorno sosegado, controlando a sobreexplotación da zona e garantindo a pervivencia do medio mariño. A convivencia con robalizas, reos, patos e garzas era unha realidade. Ata que chegou un novo inquilino: o hormigón.

Ao tempo que o número de habitantes da bisbarra se multiplicaba, cada vez menos marisqueiros podían desempeñar a súa profesión. Así, mentres a cidade  d’A Coruña pasaba de 230000 habitantes en 1981 aos 250000 actuais, Oleiros vía cómo a poboación se triplicaba até chegar aos 33000.

O mesmo acontecía en Culleredo e Cambre, dobrándose o número de veciños até os 29000 e 25000 respectivamente. Pola contra, en abril de 2013, tan só 130 persoas teñen licenza para explotar a zona productiva da Ría, que agora é do 21%. Nos anos de maior prosperidade no estuario, era do 85%.

Daqueles tubos, estes lodos

¨Agora pode haber un 70 ou 80 % menos de vertidos de augas residuais á Ría do Burgo dos que había antes, pero xa é demasiado tarde¨ explica Ángel Amancio Sotillo, presidente de ADEGA – A Coruña. 

Ata a construción da ETAR (Estación de Tratamento de Augas Residuais) de Bens, que leva en funcionamento dende o ano 2010, os residuos urbanos ían parar directamente á Ría. Agora, as augas residuais son enviadas ata a depuradora coruñesa a través dun sistema de colectores. Unha vez alí, sométense a un tratamento que elimina as partículas contaminantes, sendo posteriormente deitada ao mar.

Pero o urbanismo non foi a única causa da degradación do Burgo. Fricosa, a fábrica de aceites Bunge, La Toja e fertilizantes Cros utilizaban a Ría como vía de escape dos residuos xerados durante a súa actividade. Agora estes vertidos son case inexistentes. As fábricas de La Toja, S.A. Cros e Bunge xa pecharon e Fricosa está inmersa en concurso de acredores. Pero o efecto destas prácticas queda de manifesto cando baixa o nivel do mar. Un forte e inconfundíbel cheiro acompaña a unha masa oscura e viscosa que sobresae do fondo mariño. ¨Os lodos acumulados chegan ao metro oitenta de altura nalgunhas zonas¨, comenta Ángel Sotillo.

O tratamento do fango

Unha vez tomadas as medidas necesarias para reducir as emisións, o seguinte paso sería extraer os lodos acumulados. Pero a falta de entendemento entre as Administracións imposibilitou que cristalizase calquera tipo de proxecto sobre o dragado da Ría. ¨A Xunta e o Goberno de Madrid nunca se puxeron dacordo en quen ía facer o tratamento dos lodos¨ declara Sotillo.  

Os que non dubidaban en sumarse ás protestas esixindo unha solución ao problema, agora escóndense nos seus despachos. ¨Cando estaba o partido socialista no goberno central, a Xunta esixía constantemente o tratamento do fango. Era un ariete. Pero mudaron as cores políticas en Madrid e resulta que agora non hai tanta présa.

Mesmo se comeza a valorar se é necesario sacar os lodos¨, denuncia Ramón Sixto, presidente da asociación de veciños O Noso Burgo. ¨ Antes había membros do PP que acudían ás nosas manifestacións. Agora andan desaparecidos¨, asegura Manuel Cao, patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña. 

¨O furtivo nin sinte nin padece¨

A extracción do marisco garda bastante similitude co coidado dos cultivos. A Confraría de Pescadores de A Coruña compra ameixa a unha planta de produción de semente de ameixa. Unha vez adaptada ao medio mariño, as ameixas que acaden os 13 milímetros reseméntanse nos bancos marisqueiros. Cando chegan aos 38 milímetros, pódense comercializar. Dende a Confraría de Pescadores de A Coruña, unha das 32 asociacións que integra a Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo aseguran que ¨regulamos os días que se traballa, os topes de captura, descartamos a ameixa que non de a talla e a subastamos a unha planta de depuración. Pagamos o seguro de autónomos mensualmente, cada tres meses facemos a contabilidade e pagamos unha porcentaxe dos nosos ingresos ¨.

Pero todo este traballo bótase abaixo co furtivismo. Sen participar á hora de resementar os moluscos, sen tributar pola súa actividade e sen respetar os criterios de talla mínima e salubridade, o furtivo ¨recolle todo o que pode. Nin sinte nin padece¨ denuncia Sixto.

Malia ter localizado o principal foco da actividade, estas prácticas repítense constantemente. A vixilancia por parte das autoridades parece ineficaz e as sancións impostas, insuficientes, tal e como declara Manuel Cao: ¨Temos que loitar contra a pasividade da Xunta que é a que ten competencia sobre a pesca e a vixilancia da ría¨. 

O potencial non aproveitado da Ría do Burgo

Dende a Plataforma insístese constantemente no potencial de desenvolvemento económico que ten a zona. Ademais da propia actividade pesqueira, subliñan a súa capacidade de atracción de turismo.

Entre as augas da Ría e o hormigón dos bloques de edificios do casco urbán atópase un paseo marítimo de 3 quilómetros de lonxitude. Un pode atopar nel dende un parque botánico rodeado de hectáreas de céspede ata unha pequena lagoa na que habitan preto de trinta patos. Ademais, conta cunha pista de fútbol, outra de baloncesto e un parque infantil.

Con estas instalacións, poderían ser moitas as familias que decidisen desfrutar da beleza do entorno nos seus ratos libres. Pero esta fermosa paisaxe ateigada de cisnes e cormoráns esvaécese cando baixa a marea. Sofás e televisores saen do seu agocho e o insoportábel cheiro da Ría amosan a función que tivo como particular recolector de lixo. A proximidade aos aromas fecais, fai que o tránsito polo paseo marítimo sexa toda unha odisea.

¨Nunha Ría en boas condicións poderíanse resementar ameixas e berberechos, facer actividades como deportes náuticos, un recheo de area para facer unha praia ou festas dos 4 concellos da ribeira¨, argumenta Manuel Cao. Ademais, sostén que ¨se poderían reservar parte dos postos de traballo  directos xerados para colectivos especialmente vulnerábeis. Reservaríanse novas prazas para persoas en programas de reinserción social, mulleres maltratadas ou para maiores de 45 anos con dificultades para atopar novo traballo. Incluso poderíamos absorver parte do furtivismo¨.

Os orzamentos europeos levan reservando unha parte para o saneamento da Ría durante a última década. Pero, logo de financiar a construción da ETAR de Bens e dos colectores e estacións de bombeo dos Concellos, o obxectivo dos fondos europeos non se está cumprir. A depuradora debía estar en funcionamento en 2008 e, a día de hoxe, aínda está en fase de probas. Con todo, o recibo da auga si inclúe, dende o ano 2001, unha partida baixo o concepto de ¨tratamento de augas residuais¨. Ademais, segue sen haber ningún proxecto por parte das autoridades españolas para dragar a Ría. 

Por este motivo, a Plataforma en Defensa pola Ría do Burgo, xunto con outras plataformas que esixen a limpeza das rías de Ferrol e Vigo, decidiu enviar a súa queixa á Comisión de Peticións da Eurocámara. Tras aceptala, unha delegación de 8 eurodeputados visitou as augas das 3 rías. O conservador francés Philippe Boulland, a austríaca do Grupo Liberal Angelika Werthmann e a letona do Grupo dos Verdes Tatjana Zdanoka, que contan con poder de decisión na elaboración do informe, acompañados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda e polos eurodeputados do Partido Popular Francisco Millán Mon e Carlos Iturgaiz, do PSOE Antolín Sánchez Presedo (S&D) e de Izquierda Unida Willy Meyer, comprobaron que o estado das augas distaba moito do amosado nos informes que manexaban. ¨Incluso unha das deputadas que veu chegou a suxerir que se multara ao Estado español polo desbaldimento que se fixo dos cartos asignados por Europa para o saneamento da Ría¨, comenta Ángel Sotillo. 

Ante a indignación amosada polos eurodeputados polo deplorable estado das augas, agárdase que o informe inclúa medidas para sanear definitivamente a Ría. Con todo, non se descarta que se lle aplique algún tipo de sanción ao Estado español. ¨ Bruselas debería bloquearlle os fondos a España a todolos efectos, porque os fondos destinados se xestionaron dun xeito irresponsábel, sería o mellor castigo que poderíamos ter. A ver quén goberna sen cartos¨ reclama Manuel Cao.

O triunfo da mobilización cidadá

A visita dos eurodeputados non pode entenderse sen o labor da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo. O seu traballo durante os seis anos que leva en activo foi vital para a poboación entender o prexuízo que supón a degradación da Ría. Como explica Ramón Sixto, o seu portavoz ¨ a cidadanía estaba anestesiada. Crían que xa estaba todo arranxado na Ría e o tempo di que iso non é certo. Un dos traballos que tivo que facer a Plataforma foi de concienciación. Fomos aos colexios a pór vídeos e diapositivas, sacamos aos nenos a pasear á ría, fixemos manifestacións, buzoneo…¨.

Á espera de que a Comisión emita o informe no vindeiro mes de maio, a Plataforma iniciou unha nova campaña de recollida de firmas para presentar a súa queixa á UE. Agárdase chegar ás 25000 firmas e lograr así a visita dunha nova delegación de parlamentarios europeos.

En tempos nos que o labor da clase política está posta en entredito, multiplícanse as iniciativas impulsadas pola cidadanía. Dende a PAH até a Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo. As dúas chamaron a atención das autoridades europeas sobre problemas acuciantes nesta sociedade. Unha parece quedar en papel mollado após a tramitación parlamentaria. A outra terá que esperar até maio. Agardemos que non siga o mesmo destino. A Ría do Burgo non o merece. Os seus habitantes tampouco.