Rexístrase a cifra máis elevada de contaxios en toda a pandemia: 696 novos casos

Un home sométese a unha proba PCR no concello de Abegondo (Imaxe: Europa Press).
A cifra de contaxios comunicados pola Consellaría de Sanidade nas últimas 24 horas bate unha nova marca. Son 696 os novos casos, a cifra máis alta desde que se declarou a pandemia. Vigo é a área sanitaria onde máis medran os positivos.

Os contaxios por Covid-19 volveron aumentar na Galiza após detectarse 696 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, o que supón a cifra máis elevada en toda a pandemia na Galiza. A maior parte dos novos contaxios, 185, déronse na área en Vigo.

Segundo os datos actualizados na web da Consellaría de Sanidade na mañá desta sexta feira con rexistros até as 18 horas da quinta feira, após Vigo, destacan os 115 positivos na área de Santiago e Barbanza; 117 na da Coruña e Cee; 99 na de Ferrol; 76 na de Pontevedra e O Salnés; 54 na de Ourense e 50 na de Lugo.

Os casos activos superan os 8.000, ao elevarse a 8.363, o que supón 433 máis que na quinta feira. Salvo na área sanitaria de Ourense, onde baixan os casos até os 1.394 -13 menos-, aumentan en todas as demais.

Á cabeza atópase Vigo, con 1.758 casos activos, o que implica 134 máis que 24 horas antes. Na área da Coruña hai 1.432 -4 máis-; 1.322 na de Santiago e Barbanza -71 máis-; Pontevedra e O Salnés conta con 899, un total de 61 máis; Lugo ten 801 -19 máis- e Ferrol sitúase con 757 -87 máis-

Até a data curáronse na Galiza 26.537 persoas, o que implica 267 máis que as contabilizadas na quinta feira e realizáronse 672.435 PCR fronte ás 663.251 rexistradas até a xornada pasada.

Falecementos

As persoas falecidas con Covid-19 sitúanse en 902, tras notificar na quinta feira pola tarde Sanidade 13 falecementos, a cifra máis alta nunha xornada da segunda onda.

Das 13 persoas falecidas, seis eran usuarias de residencias de maiores -tres dos usuarios de centros xeriátricos perderon a vida no hospital e outros na propia residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, que supera a trintena de mortos-. Todos os falecidos, informa Sanidade, tiñan patoloxías previas.