Rexístranse catro novos casos de coronavirus nas residencias e xa ascenden a 230

O cadro de persoal do centro da Milagrosa foi sometido a un cribado (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Nas últimas 24 horas contabilizáronse catro novos casos, segundo a Consellaría de Política Social. Dous deles foron en centros que xa estaban afectados polos gromos, mais outros dous rexistráronse nas residencias DomusVi de Ferrol e de Laraxe (Cabanas), onde non se tiñan comunicado contaxios até o de agora.

Na Galiza xa ninguén se sorprende de que as residencias de maiores continúen a ser un dos principais espazos de expansión dos gromos do coronavirus. Porén, os datos son cada vez máis preocupantes porque aos falecementos de residentes hai que sumar a afección a novas persoas case cada día. Os casos activos están nos 230.

A Consellaría de Sanidade indica que entre onte e esta segunda feira houbo tres falecementos, dous dos que están vinculados directamente coa afección que a pandemia ten nos centros residenciais.

Así mesmo, as cifras que se facilitan sobre a situación destas infraestruturas a diario son novamente negativas. En tan só un día hai outros catro positivos, tras ser practicadas as probas pertinentes, en outras tantas instalacións.

A Consellaría de Política Social indicou que hai outro novo doente na DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e unha segunda persoa que deu positivo, neste caso do cadro de persoal, na Doral de Mos. Na área de Ferroltera, os dous novos casos positivos detectados de onte a hoxe son os de usuarias ou usuarios da DomusVi de Ferrol e do centro de Laraxe (Cabanas).

A instalación do Incio continúa unha xornada máis como a máis afectada, con 81 maiores que teñen Covid-19; na DomusVi Lugo chegaron a 45 casos co novo contaxio; e en Orpea de Culleredo hai 30 residentes afectados. A eles súmanse catro residentes de DomusVi Lalín e os dous comunicados na área sanitaria de Ferrol.

Das 662 mortes contabilizadas desde o inicio da pandemia, 293 están vinculadas a este tipo de centros residenciais (máis dun centenar chegaron a perder a vida sen ir a un hospital).

Doentes entre os cadros de persoal

Porén, non só padecen os efectos do coronavirus as persoas maiores. Nos xeriátricos hai bastantes empregadas e empregados que deron positivo, o último feito público hoxe. Hai activos entre este grupo 68 casos, 33 deles entre o cadro de persoal do Incio.

En Outeiro de Rei, na DomusVi Lugo, víronse afectadas 9 operarias e en Orpea (Culleredo), cinco. Na DomusVi de Lalín hai catro doentes e no centro Doral Residencias de Mos outras dúas.

A todos estes, hai que sumarlles un caso entre os traballadores de cada unha das infraestruturas a seguir: residencia de Oleiros; DomusVi Coruña (Oleiros); Volta do Castro (Compostela); Victoria, en Teo; Os Tercios, en Touro; DomusVi de Monforte; San Bartolomeu (Xove); Nosa Señora do Socorro (Arnoia); A Saleta, en Cea; DomusVi Barra de Miño (Coles); Santiago Apóstolo, (Vilamarín); Fogar Residencial de Vilar de Barrio; Saraiva Sénior en Pontevedra; CRAPD Vigo II; e Alvi-Beade (Vigo).

No caso dos centros de atención a persoas con distintas discapacidades, mantéñense dous usuarios afectados (do centro Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros) e tres traballadores (un de Ricardo Baro, outro da residencia de Aspace na Coruña, e outro do centro da Braña, na Estrada).