Rexistrados varios terremotos de magnitude 2 e 2,3 en Becerreá, Triacastela e Muros

Sismos rexistrados nos últimos dous días na Galiza (Imaxe: IXN)
Nova actividade sísmica na Galiza. Desta volta, o Insituto Xeográfico Nacional deu conta de tres pequenos terremotos con epicentro en Triacastela, Becerreá e Muros.

A terra volveu tremer nas últimas horas na Galiza, con dous terremotos rexistrados con epicentro en Triacastela e Becerreá, na comarca de Sarria, e aos que se engaden outros dous sismos rexistrados en Muros.

Segundo notificou o Instituto Xeográfico Nacional (IXN), na madrugada da sexta feira rexistrouse un tremor de terra ás 00,51 horas, con epicentro en Triacastela, e de magnitude 2,3 na escala de Richter.

Esa mesma madrugada, ás 1,28 horas, quedou rexistrado un terremoto de magnitude 1,9 en Muros e, vinte minutos máis tarde, outro tremor na mesma zona, de magnitude 2,3.

O IGN notificou tamén outro terremoto, rexistrado na noite da cuarta feira con epicentro en Becerreá. Neste caso, o tremor produciuse sobre as 23,53 horas, e alcanzou unha magnitude de 2 na escala de Richter.

Ademais, esta semana quedou rexistrado outro tremor na Galiza, o que se produciu a terza pola mañá, de magnitude 2, con epicentro no municipio de Vilariño de Conso, na comarca de Viana.

Estes movementos sísmicos prodúcense semanas despois do decorrido en Laza, de 3,9 graos, e que se fixo sentir no resto da Galiza. 

O de Laza foi o maior sismo rexistrado na Galiza nos últimos 25 anos. O máis forte tivera epicentro en Triacastela cunha magnitude de 5,1 na escala Richter.