Rexistrados dous novos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida en Vigo

Dispositivo multimedia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Sergas)
Até o día de hoxe, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou na Galiza cinco casos, dos que dous aínda están en fase activa, detalla a Consellaría de Sanidade

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade da detección de dous novos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida na Galiza.

Segundo informou Sanidade nun comunicado de prensa, estes dous novos casos rexistráronse na área sanitaria de Vigo. Unha das crianzas, concreta, tivo a enfermidade no mes de marzo, e a outra permanece ingresada, mais "evoluciona favorabelmente".

Até o día de hoxe, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou na Galiza cinco casos, dos que dous aínda están en fase activa, detalla a Consellaría de Sanidade.

O pasado 19 de abril, o Goberno galego deu a coñecer os dous primeiros casos detectados. Un na área da Coruña e outro na de Vigo. Sanidade explicou que un contraera a enfermidade en xaneiro, mentres que o outro estaba en recuperación cunha evolución clínica positiva.

O terceiro caso rexistrouse na área sanitaria de Vigo e sucedeu en febreiro. Naquel momento, o Sergas indicou que a persoa estaba  asintomática e coa "analítica normalizada".

A Consellería de Sanidade lembrou que o sistema sanitario galego "permanece alerta" na detección de casos e na investigación da súa orixe.