Rexistrada a petición formal para tratar co Concello da Coruña "a súa incomparecencia" no caso de Aurelia

[Imaxe: Montoto]
Após a negativa do concelleiro e do director técnico de Servizos Sociais de se reuniren coa plataforma Stop-desafiuzamentos, @s activistas decidiron respectar "os cauces que nos deron" e presentar un escrito en que solicitan a reunión co Goberno municipal namentres este segue empeñado en que "a mellor solución para Aurelia é unha residencia"


"Unha reunión co concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, con voceir@s de Stop-desafiuzamentos A Coruña que na segunda feira día 25 se presentaron na súa oficina, para tratar a incomparecencia do seu Concello no caso de Aurelia Rey e o resto de persoas despexadas na cidade".

É a letra da petición formal que a plataforma cidadá vén de presentar no rexistro municipal coruñés para seren recibid@s e negociar a concesión dunha vivenda social para a octoxenaria coruñesa, que terá que abandonar antes do 1 de maio a vivenda en que morou os últimos 34 anos, situada no nº9 da cotizada rúa Padre Feijóo.

"Ningunha persoa do Concello nin da Xunta se puxo en contacto connosco" após o acordo alcanzado entre Aurelia e a familia Pereira, propietaria do inmoble e parte demandante, acordo que pasa por prorrogar a estadía da muller no noveno andar do mencionado inmoble durante dous meses e unha indemnización de 5 mil euros.

Aurelia non quere ir a unha residencia

Activistas de Stop-desafiuzamentos recriminan o desleixo da equipa de goberno local, rexentada polo PP con maioría absoluta. O titular de Servizos Sociais (que presta asesoramento xurídico a Bankia) e o director técnico desta concellaría, José Luis Quintela (ex delegado territorial da ONGD Intermon-Oxfam) rexeitaron recibir @s activistas nesta segunda feira, após unha acción de protesta que durou por volta de cinco horas. "Insisten en que o mellor para Aurelia é ingresar nunha residencia". Foi esta a única solución que o Concello deu desde o minuto un en que a ameaza de despexo chegou á octoxenaria, ofrecendo unha praza no centro dos Padres Rubinos que ela rexeitou porque pode valerse por si propia.

Stop-desafiuzamentos fai pública a reclamación da coruñesa: unha vivenda social na contorna onde leva morando máis de trinta anos para evitar o seu desarraigamento. "Por que teñen que privatizar o centro da cidade? Aurelia ten que poder facer a súa vida como a leva facendo desde que chegou á Coruña", insisten desde a plataforma cidadá. Cómpre lembrar que houbo dúas ofertas doutras tantas vivendas sociais por parte do Instituto de vivenda e solo. Porén, a octoxenaria non viu con bos ollos ningunha das dúas ao se atoparen nas aforas da Coruña: unha, en Novo Mesoiro, require dun desprazamento de unha hora en transporte público desde o centro; á outra, en Eirís, tardaría 40 minutos en chegar, tamén desde o centro.

A repercusión mediática que tivo o caso de Aurelia Rei fixo agromar moitas outras ameazas de despexo na cidade herculina. Así as cousas, @s activistas contra as execucións hipotecarias teñen claro que o que cómpre é "racharmos co estigma social que se agocha detrás desta inxustiza".