Maite Parga, coordenadora do proxecto

"O Rexenera humaniza os espazos urbanos de Carballo deteriorados pola especulación dos 60"

Mural da artista viguesa Lula Goce

O Rexenera Fest de Carballo é unha cita coa arte urbana que desde o 2015 actúa como axente rehabilitador contra as políticas construtivas dos anos 60, especialmente visíbeis na capital bergantiñá. Cada ano, artistas da Galiza e doutras partes do mundo achegan a súa obra a este museo ao aire libre que son as rúas da vila, cunha veciñanza que colabora activamente co fin de renovar espazos deteriorados e mellorar a paisaxe urbanística.

Esta interacción entre cidadanía e arte fai que cada vez sexan máis as persoas que ceden de forma voluntaria e gratuíta as súas paredes privadas para que sirvan de lenzo en branco ás artistas participantes, nun proceso aberto durante o cal veciños e visitantes poden ver de perto o traballo de cada obra desde o comezo até o final. Amais, o festival inclúe na súa programación distintas actividades, como a organización de seminarios, masterclass, microconferencias, música en directo e un roteiro guiado, todas elas de balde. Falamos con Maite Parga, coordinadora do proxecto e técnica de turismo do Concello de Carballo. O Rexenera comezou o 23 de maio e decorre até o 3 de xuño.

 

-Como xorde este proxecto?

 

-Rexenera Fest nace no ano 2015, data na que xa levaba un ano e medio funcionando Derribando muros con pintura, un proxecto global de intervencións sobre medianeiras do núcleo urbano de Carballo que traballaba co obxectivo de renovar os espazos deteriorados da vila e así crear un museo ao aire libre. O proxecto creceu moi rapidamente e desde a organización vimos a necesidade de crear un evento concreto a partir da experiencia de Derrubando muros con pintura, que finalmente foi o Rexenera. Arredor dunha semana, artistas galegos e tamén de ámbito internacional traballan en murais de gran formato nas paredes municipais de Carballo, aínda que cada vez son máis os veciños que oferecen voluntariamente o soporte para que as artistas poidan traballar sobre el. Esta interacción entre público e privado e entre cidadanía e organización é un dos ingredientes máis importantes do proxecto.

 

-Durante as pasadas edicións o Rexenera Fest foi creando un museo a pé de rúa. Cal é a relación da veciñanza con estas obras?

 

-O certo é que o proxecto global funcionou moi ben desde os seus inicios, e en concreto o Rexenera especialmente ben. Simultaneamente píntanse entre cinco e até nove murais, como foi o caso da pasada edición. Tanto para os visitantes como para os veciños de Carballo resulta moi enriquecedor ver todo este proceso de traballo en directo. Nunha semana poden ver como se vai transformando unha parede, que funciona como lenzo en branco, a unha obra totalmente rematada e, ademais, de dimensións importantes. No Rexenera trabállase cun mínimo de tres alturas, e de aí, cara arriba.

 

-Carballo é un concello que foi castigado pola urbanización acelerada da década dos 60 do pasado século. Supoño que un dos obxectivos é transformar essa realidade.

 

-Por suposto. Por desgraza Carballo é un dos exemplos que hai en Galiza nos que o espazo urbano está moi deteriorado polas políticas erróneas de urbanización. Toda esta especulación urbanística dos anos 60 levou a desfigurar totalmente os espazos urbanos facéndoos moito máis agresivos para a xente. Derrubando muros con pintura e en concreto Rexenera Fest o que fan é traballar sobre este concepto de facer moito máis humanos e cercanos estes lugares. É unha forma de renovar espazos deteriorados e se traballa non só para a poboación local senón que, indirectamente, tamén se está xerando un produto turístico que a xente gosta moito de desfrutar cando vén a visitarnos.

 

-A arte urbana ten futuro en Galiza? Pódese dicir que hai un volume importante de actividade e artistas?

 

-Galiza conta cun cartel importante de artistas urbanos que se adican a este mundo. As propostas que nos amosan os artistas galegos sempre son moi boas e estamos moi contentos nese sentido. Non só é que Galiza conta con artistas de excelente calidade, senón que a día de hoxe en Galiza estase pintando e traballando moito en plástica. Nese sentido, Carballo é un pouco pioneiro á hora de desenvolver un proxecto desta envergadura dentro da arte urbana. Ás veces se nos consulta doutros concellos para ver un poco cal é a dinámica que seguimos. É un proxecto que nos está a dar moitas alegrías.

 

-Que vantaxes ten a arte urbana fronte a outras correntes artísticas á hora de achegarse a xente e de intervir máis na súa vida diaria?

 

-É accesíbel a todo o mundo e amais existen propostas moi variadas. Xera un diálogo en espazos de convivencia cidadá e iso sempre é positivo. É un intermediario entre os habitantes dun lugar e o espazo no que habitan. Esta relación, facéndoa máis humana e amábel, xerando debate e achegando o mundo da arte urbana á rúa, eu penso que só pode aportar cousas positivas.

 

-É un fenómeno recente?

 

-Non. Si é certo que nos últimos anos está a experimentar un despunte importante e a xente e os artistas que adoitan visitarnos moitas veces teñen unha traxectoria de pintar en partes moi variadas do mundo. A día de hoxe está moi demandado pero é un movemento que naceu hai varias décadas, nun principio cun xeito máis “fóra da norma”.  A verdade é que aos poucos foise introducindo desde un formato máis “regrado” e menos subversivo.