Mobilización en Compostela contra a planta de residuos de Toysal na Casalonga

Pancarta da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos despregada na Alameda de Compostela (Foto: Europa Press).
Centenares de persoas maniféstanse en Compostela en contra dos plans de Toysal para levantar un "vertedoiro encuberto" na Casalonga (Teo).

Centos de persoas participaron este domingo nunha marcha que percorreu as rúas de Compostela para exixir a paralización dun proxecto que pretende instalar "un vertedoiro encuberto" na canteira de Casalonga, no municipio coruñés de Teo, a mans da empresa de residuos industriais Toysal.

A Xunta estaría traballando durante un ano "ás agachadas" nun terceiro plan de restauración da canteira ─o primeiro e o segundo foron rexeitados por non contar con autorización ambiental─ para "uso forestal", unha afirmación que non se cre a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, entidade convocante.

Ademais, os participantes protestaron contra as afirmacións de titularidade privada por parte de Toysal e a Deputación dun camiño arredor da canteira que, segundo o presidente da plataforma, Jaime García, "é público".

Para demostrar a súa aseveración, parte dos manifestantes partiron ás 8,30 da mañá desde a canteira en dirección á capital galega atravesando este carreiro, nun percorrido no que "todo foron facilidades" por parte dos concellos de Teo, Ames e Compostela, apuntan desde a organización.

Pancarta na Alameda

Xa ao mediodía, concentráronse na Alameda compostelá ─ao berro de 'Toysal fóra'─ tanto as persoas que marcharon a pé desde a canteira como aquelas que decidiron subirse ao bus que habilitou a plataforma. Unha vez alí, a manifestación retomouse ás 12.30 horas en dirección ao centro histórico.

Antes do seu inicio, procedeuse á instalación dunha nova pancarta co lema 'Casalonga Limpa de Residuos, Vertedoiro Non!!', en substitución á anterior que protestaba contra a mina de Touro-O Pino.

A manifestación transcorreu pola Praza do Toural, rúa de Xelmírez e rúa da Conga, con cánticos como 'Casalonga residencial, paraíso natural', 'Lévannos a pedra e tráennos a merda' ou 'Se a canteira se explota, a xente non vos vota', para finalizar na Praza da Quintana.

Lectura de manifesto

Neste emprazamento, procedeuse á lectura dun manifesto que, entre outras cuestións, buscaba denunciar a consideración da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos como "parte non interesada" no proceso da canteira tras varias solicitudes e a intención de Toysal de "verter 10 millóns de residuos cúbicos na lagoa".

Ademais, desde a plataforma instaron a catro institucións a parar este proxecto. En primeiro lugar, á Dirección Xeral de Minas, para que declare "a caducidade mineira" da canteira; á Dirección Xeral de Medio Ambiente, co obxectivo de que declare como "espazos naturalmente protexidos" aqueles restaurados, como é o caso da lagoa de Casalonga; ao Parlamento galego, limitando os usos do chan rústico; e finalmente, ás Cortes Xerais, para que modifique o Decreto 975/2009 sobre rehabilitación de espazos mineiros.

Para levar a cabo estas demandas, a plataforma contou co apoio doutras asociacións e organizacións, entre elas, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, que conseguiu parar o proxecto de mina en Touro. Un veciña membro da plataforma afirmou que gañaron "unha batalla pero non a guerra" e que seguen "vixiantes".

Por outra banda, a plataforma veciñal de Casalonga asegurou que contan co respaldo de entidades a nivel nacional como 'Bierzo Aire Limpo' ou 'Toledo Aire Limpo', entre outras.