As rexedoras de Tomiño, O Rosal e As Neves non acudirán á visita de Felipe VI

Felipe VI na súa estancia en Ibiza (Foto: Europa Press)
O rei estará hoxe na Comandancia Naval de Tui, mais as e os representantes dos tres concellos (gobernados polo BNG) rexeitaron formar parte da comitiva de autoridades.

Ante a visita de mañá de Felipe VI ao municipio de Tui, algunhas alcaldesas da comarca avanzaron esta terza feira a súa ausencia nos actos institucionais previstos.

O rei, que vai visitar a Comandancia Naval de Tui, será recibido por numerosas autoridades pero entre elas non estarán as e os representantes dos concellos de As Neves, Tomiño e O Rosal.

A decisión tomouse na Executiva Nacional do BNG, xa que os tres municipios teñen gobernos nacionalistas.

Quer Xosé Manuel Rodríguez (As Neves) quer as súas compañeiras Ánxela Fernández (O Rosal) e Sandra González (Tomiño) foron invitados aos actos pero rexeitaron acudir.

A explicacición é que o partido do que son parte considera a monarquía "unha figura anacrónica e asociada a presuntas irregularidades económicas".

"O BNG reafirma o seu compromiso coa defensa da soberanía nacional e a liberdade da nazón galega para construírse nun Estado soberano, democrático, laico e republicano; a República da Galiza", manifestou a través dun comunidado.

Este rexeitamento á figura de Felipe VI prodúcese só unhas horas despois de que a formación Galiza Nova convocara para esta cuarta feira unha concentración en contra da visita na vila de Tui. A cita é ás 12 horas na praza dos Cabalos.