IGUALDADE

A revolución feminista desde as aulas

[Imaxe: Cedida]

“A mellor forma de loitar contra o patriarcado é a través da sororidade e é moi, moi pracenteiro”, “son feminista porque non quero ter máis privilexios por ter pene”, “son feminista porque penso que é o único xeito de formar unha sociedade equitativa”... estas son algunhas das razóns que impulsaron un grupo de alumnas e alumnos a formar parte do comando de igualdade, unha iniciativa revolucionaria que naceu nun instituto do barrio de Coia, en Vigo. Eis a reportaxe publicada no Sermos Galiza 265.

De ser un pequeno grupo de alumnas e alumnas a ser 81 persoas, algunhas xa graduadas, traballadoras, pero tamén estudantes. Elas e eles forman o Comando de Igualdade, unha iniciativa rompedora que saíu do IES Alexandre Bóveda de Vigo da man da catedrática de Filosofía e unha das maiores referentes galegas na materia de educación afectivo sexual con perspectiva de xénero, Mercedes Oliveira, Chis. A profesora, hoxe xubilada, pariu unha iniciativa que a día de hoxe atende a demanda, pois irrompe onde é chamado aínda que inicialmente tivese o seu xermolo no propio centro.

 

Trátase de todo un fenómeno sociolóxico, afirma Oliveira, que suma cada vez máis participación e sobarda os límites do citado instituto, coñecido tamén co nome de Coia II. Así, de constituírse nas clases de Filosofía ou Antropoloxía que Chis impartía, o comando xa acode a outros centros de ensino e mesmo a entidades sociais e culturais que solicitan formación en igualdade. Mesmo participaron nun curso de verán USC sobre igualdade, violencias, diversidade e coeducación. Xa son todo un referente. “As profesoras e profesores do IES Alexandre Bóveda recorrían ao comando cando había un problema co típico malote machista e era tal a capacidade de persuasión que conseguiamos non ter que tirar de ningún especialista. Funcionaba, pois era unha relación entre iguais”, explica a profesora, en declaracións a Sermos Galiza.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 265 de Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques]