Greve de mulleres 8 de marzo

8M: a revolta lilá enche as rúas da Galiza

Foto: @GZcontrainfo

Miles de persoas tomaron parte nas diferentes mobilizacións e concentracións convocadas nesta xornada, marcada tamén polo seguimento da greve naqueles sectores laborais máis feminizados.

'Por todos os dereitos, por todas as mulleres: revolta feminista!'. O lema escollido para este 8M reflectiu o sentir das miles de persoas que esta sexta feira saíron á rúa para participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo no marco da greve de mulleres. Moitas, moitisimas mozas mais tamén nais con crianzas e mulleres de idades máis avanzadas que asistían emocionadas ás manifestacións da mañá.


De Viveiro a Vigo, de Monforte e Ourense a Compostela, ao igual que en 2018 a mobilización convocada polo feminismo volveu ateigar rúas e prazas, desta volta de máis de medio cento de vilas e cidades do país. “Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé”, berraban as manifestantes nunha Rúa da Senra (Compostela) onde non collía unha palla. Na capital galega, as manifestantes ficaron para partillar un xantar de convivio.

 

 

“Se nós paramos, o mundo para” berrábase en Vigo. “Somos máis fortes que o medo” reflectía un cartaz nunha das mobilizacións. Gaitas na Coruña e batucada en Compostela poñían o son musical a unhas mobilizacións masivas. e nas que o convivio ía da man da combatividade.


Demandábase unha igualdade real entre homes e mulleres, a fin das discriminacións por xénero, da violencia contra as mulleres, do patriarcado. Cando as primeiras mobilizacións deron inicio, sobre as onde e media da mañá, a greve xa collera pulo cos paros das traballadoras en diferentes sectores: da industria conserveira á alimentación, do ensino á sanidade. 


“Loitaremos pola igualdade real entre homes e mulleres, pola soberanía sobre os nosos corpos e o dereito a decidir sobre eles, sobre as nosas identidades, os nosos desexos, as nosas vidas… Queremos construír unha sociedade xusta, na que se garanta a igualdade de oportunidades e dereitos, na que as tarefas de coidados non recaian sempre nas mulleres, na que as mulleres teñamos voz. Unha sociedade que non nos asasine polo feito de ser mulleres”, manifestan desde Galegass8m, unha rede de colectivos xurdida ao albor da folga do pasado ano 2018.  Está composta por máis de 50 colectivos e asociacións, ademais de mulleres a nivel individual.

 

As masivas manifestacións da mañá chegaron a ficar pequenas en comparación coas da tarde, que xuntaron ducias de milleiros de persoas que berraron pola igualdade. Vigo, con máis de 100.000 persoas, foi a cidade que máis mulleres congregou pasadas as 20 horas, mais toda Galiza foi na tarde desta sexta feira unha auténtica treboada feminista.

 

As mobilizacións deste 8 de marzo poñen a imaxe a unha xornada na que a folga rebordaba a simple convocatoria de greve laboral. Tamén se chamaba á greve estudantil, de coidados e de consumo.