Medio Ambiente

Augas da Galiza revoga a autorización que concedera para as verteduras da mina de San Finx

Verteduras procedentes da mina de San Finx. (Foto: Confraría de Noia).
"Quedou acreditada a existencia de verteduras ao dominio público hidráulico con concentracións para os parámetros níquel, cadmio, cobre e zinc superiores aos límites autorizados", afirma Augas da Galiza.

O 1 de febreiro de 2023 Augas da Galiza autorizaba a vertedura ao río Pesqueiras de augas residuais depuradas procedentes da explotación mineira de San Finx, en Lousame (comarca de Noia), unha decisión que xerou polémica e que derivou na presentación de alegacións por parte de numerosas organizacións veciñais e ecoloxistas que alertaban do risco ambiental que isto supuña para a ría de Muros e Noia. "Un xerro de auga fría", sinalaban a Nós Diario desde Plademar, organización que agora, esta mesma sexta feira, celebra a revogación dos permisos por parte tamén de Augas da Galiza.

Nunha resolución con data desta quinta feira, á que tivo acceso este xornal, o organismo dependente do Goberno galego acepta os argumentos das entidades que pedían suspender a autorización de verteduras e desestima "na súa totalidade" as alegacións da empresa, Tungsten San Finx S.L., salientando que "quedou acreditada a existencia de verteduras ao dominio público hidráulico con concentracións para os parámetros níquel, cadmio, cobre e zinc superiores aos límites autorizados no condicionado 5º da autorización de vertedura, polo que non cabe senón a revogación da autorización concedida".

Xa o pasado mes de febreiro Augas da Galiza sancionou con 180.000 euros a mineira como responsábel da comisión dunha infracción grave pola vertedura de augas de minas con concentracións elevadas destes materiais.

A autorización acumulaba cinco contenciosos

"Estamos satisfeitos coa revogación", apunta Joám Evans, da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, a Nós Diario. Lembra que a autorización de Augas da Galiza acumula cinco contenciosos e o feito de revogala por parte da Administración implica que todos estes procedementos decaen. "A Xunta evita así un tirón de orellas múltiple", opina o tamén activista ecoloxista, que pon en valor a mobilización social ao longo de todos estes meses contra ese permiso.

Evans non dubida en que a empresa vaia recorrer a decisión —pode aínda presentar un recurso de alzada, pois esta resolución non esgota aínda a vía administrativa— e irase a un conflito xudicial que poderá prolongarse durante anos. "En todo caso, e unha vez que nos sacamos esta espada de Damocles de verteduras de enriba, hai que seguir mobilizándose contra todos os focos de contaminación que quedan nesta ría".

"Aínda queda perigo"

Pola súa parte, e tamén en declaracións a Nós Diario, Rogelio Queiruga, presidente da Plademar (Plataforma en defensa da ría de Muros e Noia), mostrouse "contento" por esta revogación, se ben considera que "chega tarde", pois entende que ese permiso "nunca debeu concederse". Lembra que colectivos sociais, ecoloxistas e profesionais do mar levan anos mobilizándose contra a mina, "alertando do perigo que representa" ante a "pasividade" das administracións.

Apunta, ademais, queo perigo que representa a mina para a ría e a comarca non se deriva só das verteduras procedentes da explotación, senón tamén de elementos como a "balsa de lodos",polo que exixe á Xunta da Galiza unha "maior implicación" para pór fin a calquera risco derivado desas instalacións.