Revitaliza viaxa a Euskadi para formarse en reciclaxe

Autoridades e persoal técnico galego atenderon as xornadas. (Foto: Nós Diario)
As xornadas de aprendizaxe seguirán en Catalunya e Nafarroa.

Representantes do Revitaliza da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Poio, O Grove, Sanxenxo, Vilagarcía, Valga, Soutomaior, Tomiño, A Guarda, Tui, Mondariz, As Neves, Ponteareas, A Cañiza e a Mancomunidade do Morrazo comezaron esta segunda feira en Euskadi a súa viaxe formativa para coñecer diferentes sistemas de recollida de residuos.

Autoridades dos Concellos de Kripán e Usurbil explicaron ás galegas como melloraron as súas cifras de reciclaxe de 20% até 85% coa implantación dun sistema de recollida porta a porta, obtendo así taxas moi superiores ás que nestes momentos exixe a normativa europea vixente.

Outra das paradas da comitiva tivo lugar no concello de Usurbil, que desde 2009 é o primeiro municipio de Euskadi en recollida selectiva, achegando niveis superiores a 80%. Neste caso unha das novidades é a implantación dunha ‘taxa xusta’ en 2014 e a ausencia de colectores para recoller ningunha fracción na rúa: todos os días a veciñanza saca a fracción correspondente nun caldeiro que está identificado por persoa usuaria e cantidade.

Todas estas ideas serán incorporadas polo persoal político e técnico da Deputación de Pontevedra para estudar a súa implantación. A viaxe formativa do Revitaliza seguirá por Euskadi, Nafarroa e Catalunya con outras catro experiencias diferentes sobre residuos.

Segunda edición da Facultade Ágora

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade e Espazo Público, porá en marcha a segunda edición da Facultade Ágora para "formar ás persoas políticas e técnicas dos Concellos sobre como recuperar o espazo público con calidade". As dúas principais novidades desta nova cita son que as actividades serán "moito máis prácticas" e que estarán espalladas por diferentes puntos do territorio.