Os retos dun modelo turístico que non xera valor engadido

Peregrinación Xuvenil a Compostela o verán pasado. (Foto: Arxina)
Incrementar o gasto turístico por visitante é unha tarefa pendente.

O turismo rexistrou na Galiza o pasado ano máximos históricos en número de persoas viaxeiras e en facturación. Segundo os datos achegados polo Goberno galego, o país recibiu máis de 6,5 millóns de visitantes e ingresou arredor de 4.500 millóns de euros. Porén o gasto turístico por visitante situouse á cola do Estado español. A estacionalidade mandou no sector.

A actividade turística representa perto de 10,7% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e ocupa arredor de 700.000 persoas. Neste sentido, o seu impacto económico está por baixo do conxunto do Estado, onde xera arredor de 12,4% da riqueza, emprega unha porcentaxe máis alta da poboación e a súa incidencia non se limita só a uns meses do ano.
O principal destino urbano da Galiza é Santiago de Compostela. A capital do país acolleu en 2022 máis de 390.000 visitantes, seguida da Coruña, con 220.000, e Vigo, con 193.000. O resto das cidades galegas fican lonxe destas cifras, presentando os peores números, con perto de 23.000 viaxeiras e viaxeiros, Ferrol.

O Camiño de Santiago e diversas vilas costeiras son outros recursos demandados polo turismo estatal. Entre estas últimas destacan Sanxenxo, que recibiu en 2022 máis de 276.000 visitantes e outras localidades das comarcas da Galiza litoral como Vilagarcía, Ribeira, Fisterra, Viveiro ou Foz.

A principal traba

O escaso gasto turístico por visitante é unha das principais pexas que enfronta o sector, converténdoo nunha actividade de baixo valor engadido. O problema derívase dun modelo que prima o turismo residencial, non ofrece unha oferta diversificada e non é capaz de elaborar paquetes complementarios que reteñan máis tempo as persoas visitantes. Precisamente, o turismo residencial provoca un incremento da xentrificación, que nalgunhas localidades tentan combater coas limitacións ás vivendas turísticas.

A proposta turística do PP xira, case, en exclusiva sobre o Camiño de Santiago. Neste sentido, no seu programa marco recollen prioritariamente accións neste ámbito, con accións como estabelecer "medidas de modernización e seguridade dos albergues ou apostar polo "programa camiño sostíbel". Nunha esfera diferente, traballa en permitir a instalación de arredor de 300 hoteis na costa galega a través da Lei do litoral. 

As principais alternativas do BNG na materia van dirixidas á "redefinición do novo modelo turístico na procura dunha nova estratexia que aposte por un turismo de calidade e profesionalizado". Nesta perspectiva, reclama "diversificar as propostas turísticas de Galiza máis aló do sol e praia", "formular propostas de desestacionalización turística dirixidas a ampliar as tempadas" e "redefinir o turismo rural galego". 

Os socialistas consideran esencial para "a potenciación da produtividade do sector" a "mellora das condicións dos estabelecementos turísticos, sendo necesario incrementar a profesionalización do sector, a renovación e modernización das estruturas". Nesa dirección, apostan por "un modelo que poida espallarse no terreo, desestacionalizado e xerador de empregos dignos e estábeis".