Os retos do cambio climático na agricultura

Debate sobre a eficacia das políticas públicas contra o cambio climático (SLG).
O IV Foro Labrego de Agroecoloxía analiza a relación entre agricultura e cambio climático ademais de observar as respostas que os poderes públicos e as propias labregas están a deseñar e a poñer en práctica.

Organizado pola Asociación Herbamoura, co apoio do Sindicato Labrego Galego (SLG), o IV Foro de Agroecoloxía aborda por vez primeira a crise de emerxencia climática desde o punto de vista da actividade agrícola.

A agricultura climaticamente intelixente pode pór en perigo a pouca terra agraria que nos queda e facernos máis dependentes da produción de alimentos.

Na apertura do encontro, a secretaria xeral do SLG amosouse desconfiada diante das solucións agrícolas que se están a propor para Galiza, como a denominada “agricultura climaticamente intelixente”, que nos fará aínda máis dependentes da produción de alimentos, ou a captura de carbono en sumidoiros, que podería "facer perigar a pouca terra agraria" que queda no territorio.

Neste sentido, Isabel Villalba avogou pola agroecoloxía, xa que, segundo estudos facilitados por Amig@s da Terra aínda inéditos, “a agricultura ecolóxica consome 50% menos de enerxía que a convencional e entre un 46 e un 66% menos de emisións de gases con efecto invernadoiro”.

Saberes tradicionais

Doutra banda, expertas defenderon a necesidade de recuperar e conservar os coñecementos tradicionais en materia de sementes, a fertilidade dos solos agrarios ou o apoio “e mesmo a substitución dos motores mecánicos pola forza animal; pero enriquecidos polos avances científicos e polo propio coñecemento e experiencia persoais nun escenario sempre cambiante”.

Cómpre recuperar os coñecementos tradicionais en materia de sementes, fertilidade dos solos e o uso da forza animal.

Fronte a agricultura climaticamente intelixente salientaron o apoderamento dos labregos e labregas galegas para facer súa a produción sostíbel de alimentos.

Políticas contra o cambio climático

Canto as políticas de loita contra o cambio climático, Begoña de Bernardo, presidenta de Véspera de Nada, cuestionou “un sistema económico que depreda recursos e queima combustíbeis fósiles” co único “obxectivo de seguir medrando”; e que ademais, afirmou, “sustenta o benestar dunha minoría de países en base ao empobrecemento da maior parte do planeta”.

A ex eurodeputada Lidia Senra cuestionou o labor da Unión Europea por non recomendar medidas que diminuirían drasticamente a emisión de gases con efecto invernadoiro, como “a redución do comercio internacional” ou a proliferación de “sistemas agroalimentarios sostíbeis”.

A única solución efectiva, subliñou “pasa por un cambio no modelo de produción e de consumo dominante e por unha transición seria cara á agroecoloxía”.