As cooperativas danse a valer no mapa económico da Galiza

O retorno social como maior dividendo

Mostra de economía social que se celebra na Coruña (Espazo Coop)
O compromiso ético coas persoas, pero tamén co patrimonio, coa cultura, co medio ambiente, aparece de forma ineludíbel cando se indaga nalgúns dos proxectos reunidos desde esta quinta feira, día 7, e até o sábado na Mostra de Economía Social Pop Up que ten lugar no mercado de San Agostiño da Coruña, impulsada por Espazo Coop dentro do proxecto europeo LACES, que se dirixe a fomentar a economía social na eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. 

Proxectos empresariais que buscan rendibilidade pero non a calquera prezo. Falamos de cooperativas, un modelo de negocio que na Galiza supera xa as 2.000 iniciativas e onde o beneficio económico cede a primacía ao beneficio social.

​É o caso do Mercado da Terra, unha cooperativa de traballo asociado afincada en San Xoán de Filgueiras (Ferrol) e dedicada á venda de produtos ecolóxicos de alimentacion, hixiene e limpeza, especializada en graneis. «Estabamos preocupados pola situación ambiental e como saída profesional optamos pola cooperativa», conta Vítor Santalla, enxeñeiro industrial vinculado ao activismo cultural, que se asociou hai medio ano con dous compañeiros que procedían do asociacionismo do consumo responsábel para abrir a tenda. 

«O primeiro que hai que dicir é que as cooperativas son empresas, que se poden dedicar a calquera tipo de actividade e que son rendíbeis». Quen fala é Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas Espazo Coop,  unha entidade asociativa de cooperativas galegas que representa 200 iniciativas de economía social do país. 

O primeiro que hai que dicir é que as cooperativas son empresas, que se poden dedicar a calquera tipo de actividade e que son rendíbeis. Pero a diferenza doutro tipo de empresas, poñen as persoas no centro

Preguntada polas diferenzas, Olveira salienta: «Unha cooperativa é mellor que unha empresa doutro tipo porque pon as persoas no centro. As decisións non buscan unha maximización de beneficios, senón que pensan nas persoas. As cooperativas non deslocalizamos, non emigramos, senon que creamos traballo no territorio, e non xeramos desigualdade, porque temos unha xestión  democratica».

Polo patrimonio

De Cangas do Morrazo xorde a cooperativa Árbore, dedicada á arqueoloxía. «Decidímonos por unha cooperativa polo que significa a economía social, que supón unha mentalidade diferente; fronte a proxectos onde priman os obxectivos económicos, o obxectivo para nós é retornar á sociedade moito do que dá», reflexiona Benito Vilas, unha das tres persoas asociadas.  

A súa función, que desenvolven desde hai ano e medio, diríxese a labores de arqueoloxía, servizos técnicos de escavación e prospección, pero tamén ao traballo con asociacións, colexios ou museos. «Facemos reforestación en montes, traballamos con grupos de xente con discapacidade… E queremos poñer en valor a cultura galega tradicional, que vai morrendo, porque é parte da nosa identidade e non lle damos o valor que merece», observa.

Os sprocesos de constitución dos proxectos de economía social son  máis longos mais tamén máis sólidos, porque ao tomarse as decisións de forma colectiva teñen máis solvencia

No mesmo sentido maniféstase Yosune Duo, da cooperativa coruñesa Plano Pementa: «O noso patrimonio está moi descoidado e queremos promovelo, sobre todo cos pequechos». A educación patrimonial é unha das patas do proxecto que mantén desde hai tres anos con dúas socias, que se centra na educación artística informal e a mediación cultural. «Cremos que a arte pode cambiar a sociedade, un concepto moi clásico pero moi difícil de aplicar», razoa. As tres integrantes de Plano Pementa atoparon no cooperativismo «unha forma que se adaptaba á nosa forma de pensar, porque o noso discurso é o da arte como panca de cambio social».

Tamén na creación artística encádrase a cooperativa cultural 7H, formada en Compostela hai case cinco anos e hoxe integrada por máis de dez membros, e especializada en proxectos de inclusión social e feminismo. «A precariedade laboral está en todos os ámbitos, pero no cultural máis, e se tes que traballar pola túa conta, é imposíbel sobrevivir e medrar como profesional. A cooperativa permitiunos facer proxectos máis grandes e máis variados», relata Eva Agra, unha das sociais. 

Máis mulleres, máis resiliencia 

A presidenta de Espazo Coop corrobora o argumento: «Nos primeiros 4 anos, entre 60% e 80% das empresas desaparecen, dependendo do sector. Nas cooperativas, a mortalidade é de 20%. Os seus procesos de constitución son  máis longos mais tamén máis sólidos, porque ao tomarse as decisións de forma colectiva teñen máis solvencia». Olveira ofrece outro dato. «A maioría de persoas que se suman ao cooperativismo nos últimos anos son mulleres, porque a forma de traballar é moi semellante á nosa forma de xestionar», indica. 

A mostra efémera da Coruña achega exemplos como o de Mulleres Colleiteiras, unha iniciativa social posta en marcha en 2013 en asentamentos con poboación xitana da Coruña, coa recollida de aceite doméstico usado como alternativa laboral. Hoxe fórmano seis socias que traballan tamén en Ferrol, Cerceda e Arteixo, e que planean unha ampliación, para asumir o proceso de valorización do residuo «e facer economía realmente circular».

O Laboratorio Escénico recentemente aberto na Coruña é outra mostra. Carmen Cotelo, impulsora do proxecto xunto coa súa filla, fala da dificultade de levantar un espazo de produción e investigación nas artes escénicas –teatro, música e danza– e dos atrancos que atoparon para conseguir crédito, «precisamente por ser mulleres», aínda que tamén do apoio que prestou Espazo Coop. «Sabemos que coa cultura e a arte non imos ser ricas, e tampouco é o obxectivo, senón desenvolver un proxecto que nos satisfaga. A cooperativa é unha cuestión ética», conclúe.