Plan de recuperación

O retorno dos osos pardos ás terras galegas

Tras a súa desaparición das serras da Galiza, o oso está retornando paulatinamente ao territorio galaico. As serras dos Ancares e do Courel son o emprazamento escollido pola especie para construír o seu fogar. A súa proliferación non ten que supoñer un temor na poboación dos concellos que conforman este espazo. Afeito ao contacto humano, este plantígrado non é perigoso e só se limita a atacar colmeas e árbores con fins alimenticios. Co obxectivo de regular a convivencia entre a especie e a cidadanía, desde 2017 (e até 2020) desenvólvese o Plan Life Oso Courel.

Ao redor de máis de 200 osos pardos habitan a zona occidental da Cordilleira Cantábrica, cuxos fogares distribúense ao longo da quilométrica serra entre os territorios do Alto Sil Leonés, o occidente asturiano e a comarca do Bierzo. Tamén, desde finais do século pasado, en Galiza, máis concretamente nas Serras dos Ancares e do Courel.

 

Durante mediados e finais do século XIX a especie plantígrada desapareceu dos emprazamentos galaicos nos que habitaba (a serra do Gêres na distribución sur, e os citados sistemas montañosos no límite oriental) por mor dunha mortalidade non natural, tal como a presenza de cepos e veleno e a proliferación da caza furtiva. Porén, nestas últimas décadas o país experimentou unha recuperación da especie que se mantén á alza. A recolonización das terras antigamente habitadas comezou entre os anos oitenta e os noventa nos Ancares (onde a súa presenza actual é estabél e continua), serra desde a cal están migrando, agora, cara ao Courel.

 

A repoboación da especie que se está a producir na actualidade ten unha clara razón de ser. A persecución da caza furtiva é un factor determinante na recuperación do oso, así como tamén os cambios socioeconómicos que se deron nas zonas rurais. Tal como explica Óscar Rivas, técnico da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), “o abandono masivo das áreas agrarias e a recuperación das zonas arboradas axudan á súa expansión”.

 

Ao tratarse dunha proliferación constante e recente, non existe un seguimento exhaustivo da cifra e do tipo de poboación exacta asentada. Porén, no marco do Plan Life Courel, proxecto no cal participa a AGCT, están traballando cos resultados dun censo xenético para tratar de identificar os individuos pola pelaxe e os excrementos.

 

O hábitat dos osos pardos

 

Durante as décadas pasadas, nas cales a súa presenza en Galiza era inexistente, a acción humana fixo que os plantígrados quedasen recluídos nas zonas máis rochosas e inaccesíbeis do cantábrico. Razón pola cal os actuais asentamentos en terras galegas fan aparecer na poboación diversos interrogantes sobre o proceso de convivencia. Antes de que esta reclusión acontecese, o contacto co ser humano era constante.

 

Segundo explica Rivas, “a pesar de que parecese que vivían en zonas afastadas, se os comparamos con outras zonas de distribución do norte de Europa, estas eran paisaxes moi humanizadas”. A estreita relación entre animal e poboación derivou na evolución adaptativa da especie. Os osos do cantábrico son, na actualidade, dun menor tamaño que os exemplares europeos e teñen unha alimentación máis herbívora, a cal depende en gran parte dos froitos e das plantas.

 

[Podes ler a información íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]