Retoman a busca do piragüista desaparecido mentres adestraba no río Lérez, ao seu paso por Pontevedra

Labores de busca no río Lérez. (Foto: Europa Press)
O dispositivo céntrase na última zona na que José Manuel Penas foi visto antes de afundir.

Os servizos de emerxencia retomaron ás 9.15 horas desta segunda feira os labores de busca no río Lérez de José Manuel Penas, o piragüista desaparecido a pasada sexta feira mentres adestraba na cidade de Pontevedra.

Tal e como relatou o particular que deu a voz de alarma, Penas atopábase no medio do río cando de súpeto afundiu. Nun primeiro momento conseguiu saír á superficie, pero rematou por desaparecer e ser arrastrado pola corrente.

No momento do accidente, o piragüista atopábase na zona do río Lérez entre a Ponte das Correntes e a gasolineira do Burgo. Esta é a zona na que os servizos de emerxencia centran os seus esforzos, mais o radio de busca está a ser ampliado co obxectivo de localizalo.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, prevese que os labores de busca para esta segunda feira sexan complicados, xa que as condicións meteorolóxicas fan que a auga do río baixe con bastante turbidez.

Experimentado piragüista

Segundo transcendeu o propio día da desaparición, Jose Manuel Penas é irmán da ex palista olímpica Ana Penas.

O piragüista gardaba vínculos co Club Naval de Pontevedra e varios medios locais sinalaron que contaba con experiencia neste treito do Lérez. Precisamente, algúns dos seus integrantes foron os primeiros en estabelecer un dispositivo de busca mentres non chegaban ao lugar os servizos de emerxencia.

Polo de agora só se puido recuperar a canoa do desaparecido, que se atopaba parcialmente afundida. Nas tarefas de busca participan, ademais dos bombeiros e a Policía Local de Pontevedra, integrantes do equipo de buzos do Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil e Salvamento Marítimo.