Retoman a busca da avioneta desaparecida esta cuarta feira cando voaba á altura de Zamora

Centro de operacións do operativo despregado para procurar a avioneta. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As primeiras hipóteses apuntan ao mal tempo como posíbel causa do sinistro, xa que a meteoroloxía puido ser o motivo polo que o piloto decidiu regresar á base de Doade cando sobrevoaba Salamanca.

Á primeira hora da mañá desta sexta feira reiniciáronse as tarefas de busca por terra da avioneta anti incendios desparecida a pasada cuarta entre as provincias de Ourense, Zamora e León e o norte de Portugal.

A busca limítase, polo de agora, ás brigadas articuladas para rastrexar o terreo en busca de pistas da aeronave que manexaba o piloto sevillano Santiago Durán, xa que as condicións meterolóxicas impiden a participación no dispositivo dos helicópteros de Garda Civil e servizos anti incendios.

Agárdase que a visibilidade mellore de cara ao mediodía para que, arredor das 13 horas, os helicópteros poidan despegar e así rastrexar desde o ceo a aínda ampla área na que se busca o paradoiro da avioneta que partiu na mañá da cuarta feira desde o aeródromo de Doade, en Sober, en dirección a Córdoba.

No amplo dispositivo despregado na Galiza, alén de medios da Garda Civil, participan axentes forestais da Consellaría do Medio Rural, entre outros corpos. Aliás, buscouse polos municipios zamoranos de Hermisende e Lubián, cun dispositivo "evidentemente terrestre". En canto aos medios aéreos, na mañá deste pasado xoves si puido saír o helicóptero Pegasus da Garda Civil, pero tivo que quedar inmobilizado en Lubián dadas as circunstancias meteorolóxicas.

Datos sobre a desaparición

A avioneta atopábase realizando un voo de traslado desde as 11.35 horas da cuarta feira entre a base de Doade e a de Córdoba. O último contacto mantívose ás 12.30 horas dese mesmo día. A compañía puxo en coñecemento das autoridades o incidente de forma inmediata e activouse a busca. O avión colabora con Medio Rural na campaña de incendios, mais non se atopaba en tarefas de extinción durante o voo no que desapareceu.

As primeiras hipóteses apuntan ao mal tempo como posíbel causa do sinistro, xa que a meteoroloxía puido ser o motivo polo que o piloto decidiu regresar á base de Doade cando sobrevoaba Salamanca. Con todo, o subdelegado do Goberno español volveu evitar pronunciarse a respecto diso e mostrouse cauto.

"As hipóteses e a investigación lévaas a Policía Xudicial. Loxicamente, trasladouse ao xulgado, é unha cuestión que se determinará no seu momento", comentou. A principal pista coa que se traballa é a xeolocalización do móbil de Santiago Durán, que o situaba entre os municipios zamoranos de Camarzana de Tera e Río Negro del Puente. O perímetro estabeleceuse entre León, Zamora e Ourense, sen descartar o territorio portugués.