Retiran a Risga a unha veciña de Nigrán por chegar minutos tarde a unha entrevista a causa dunha doenza crónica

(Foto: ODS)

A Xunta deixa sen prestación para persoas en exclusión social unha veciña de Nigrán, de 29 anos, porque considera que "non amosou interese en acadar o emprego” e tamén por ter comprado un coche con cartos emprestados pola súa irmá ante a avaría total do seu vehículo. 

Este mes de xullo J.G. ficou sen os poucos ingresos que tiña: 399 euros dunha Risga que recibiu durante o último ano e medio. A Xunta notificoulle a extinción do seu dereito a percibir esta prestación para persoas en exclusión social. Os motivos, ter comprado un coche con cartos emprestados, pola avaría do seu vehículo, e chegar uns minutos tarde a unha entrevista de traballo a causa dunha doenza crónica. A administración argumenta, en base aos informes da súa asistente social, que estes dous feitos vulneran as súas obrigas como beneficiaria e por non destinar os cartos ás finalidades esixidas. En outras palabras, que ten a quen acudir antes de chamar á porta dos servizos sociais.

 

“Eu nunca imaxinei que acabaría pedindo unha Risga, pero por circunstancias persoais e familiares as cousas pode cambiar moitos. Cando pides a Risga é porque xa non tes outra opción. Tardaron máis dun ano en concedela e agora só unha semana en retirala”, conta J.G., de 29 anos, en conversa con Sermos Galiza. Cando comezou a cobrala vivía en Vigo, mais un aluguer de 350 euros mensuais era inasumible. Decidiu entón trasladarse a Nigrán, onde conseguiu unha vivenda por cen euros menos. “O meu proxecto era formativo laboral. Levo catro anos realizando estudos superiores, que case teño rematados. En agosto marchei a Nigrán e foi aí cando comezou o meu calvario”.

 

Na primeira cita coa nova asistenta social, o apoio que antes tiña para finalizar os seus estudos quedaba agora nun segundo plano fronte á urxencia de encontrar un emprego. Semanas despois recibiu unha carta do Concello para un proceso de selección como peón forestal. “Pasei a entrevista de grupo e despois unha proba de montar unha desbrozadora, que era eliminatoria. Por último había unha entrevista persoal co tribunal. Cheguei dous minutos tarde, certificado pola técnica de emprego, a causa dunha indisposición. Por non ir antes o médico polo xustificante, fun despois, quedei eliminada do proceso de selección”, relata.

 

Este momento foi determinante para que lle quitaran a prestación. Segundo indica a Consellaría de Política Social na resolución, esta situación manifesta que J.G. “non amosou interese en acadar o emprego” e que “as explicacións para o rexeitamento non se consideran xustificadas”. Un razoamento que considera falso. “Se eu non tivese interese, tería feito mal as probas e xa está, ou non me tería presentado. Parece que coa Risga tes que coñecer os teus deberes, pero sabes os teus dereitos. Tes que dicir a todo que si. Parece que firmaras un pacto co demo”, critica. 

 

Tampouco entende a segunda causa esgrimida para retirarlle a renda. “O meu coche morreu e tiven, neste caso, a boa sorte de que a miña irmá puido prestarme os cartos, cartos que nalgún momento terei que devolver. Estudo en Pontevedra e necesito o coche”, explica J.G. Malia presentar xustificación de que a compra non fora cos seus recursos, a Consellaría considera que a axuda é incompatíbel cos gastos de mantemento do vehículo. E deixa caer que a decisión se toma “sen entrar a valorar a posibilidade real da súa irmá de prestación de alimentos”. 


 

“Tiven que aguantar preguntar privadas da asistenta sobre a miña familia, sobre a miña vida privada, sobre as razóns para mudarme...", relata J.G.

 

“Tiven que aguantar preguntar privadas da asistenta sobre a miña familia, sobre a miña vida privada, sobre as razóns para me mudar a Nigrán... Estivo unha semana vindo a miña casa sen previo aviso cando sabía que estaba cun familiar menor de idade hospitalizado. Ou con ameazas veladas do tipo 'se non fas isto, logo virás chorando porque che quitaron a Risga”, asegura J.G., que interpuxo recurso perante a Xunta para defender o seu dereito a percibir a prestación. “Non vou a parar. Se é preciso acabarei nos xulgados”.
 

Pautar a vida das empobrecidas
 

Os feitos que relata non son excepción. Desde colectivos sociais como a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) de Coia, que fixo público o caso de J.G., veñen denunciando os últimos anos as continuas prácticas de “control e criminalización das persoas empobrecidas” xunto “a submisión ao emprego sempre precario, temporal e mal pagado” para ter dereito a unha prestación. Para a organización veciñal, “o discurso de que somos pobres polas nosas malas decisións ou polas nosas condutas 'desviadas' provoca que os achegamentos profesionais pasen por nos infantilizar e por pautarnos a nosa vida cotiá”.

 

Unha fiscalización que a propia lei da Risga contempla, recollendo a obriga de “proporcionar información veraz sobre as circunstancias persoais, familiares e económicas”. Porén, como recordan desde a ODS, esta lexislación está incompleta desde hai máis de tres anos, a falta dun prometido decreto que desenvolva o seu contido. “Mentres, as instrucións opacas que chegan dende a Consellaría endurecen aínda máis esta lei”.
 

Os atrasos sen fin 

Os datos da Consellaría de Política Social amosan que a espera media no país foi de 106 días, por riba do estipulado.

Entre tres meses e até ano de espera é o tempo medio para recibir unha Risga. Esta prestación de emerxencia está destinada á subsistencia de persoas que se encontran en situación de exclusión social ou en risco de caer nela. Unha finalidade que desde as plataformas sociais, como a Rede Galega contra a Pobreza, que agrupa decenas de colectivos, non se corresponde coas longas tramitacións e co exceso de requisitos burocráticos para solicitala. Demoras que investiga desde finais de xuño a Valedora do Pobo, que xa ten alertado sobre esta situación.

 

Así, os propios dados da Consellaría de Política Social, no seu informe de avaliación do pasado ano, amosan que a espera media no país foi de 106 días. No caso da provincia de Pontevedra, que conta con case a metade das persoas beneficiarias e catro de cada dez solicitudes, esta espera chega até os 131 días de media. O mesmo PP, polo ano 2010, apuntaba que grazas á administración electrónica estarían resoltas nun prazo nun superior a 45 días. 

 

Máis presuposto, máis pobres

 

O número de persoas beneficiarias crece ano a ano, así como o orzamento destinado a financiar as prestacións da Risga. Unha realidade que para o goberno galego se traduce no seu compromiso coas políticas sociais, mentres que para os colectivos sociais son resultado dunhas medidas de inclusión que só cronifican os casos das persoas empobrecidas. O presuposto destinado á Risga está suxeito ao número de solicitudes e, este ano, superará os 63 millóns de euros, despois de que o PP aprobara a 'Lei de impulso do crecemento económico e reforzo do gasto social' que amplía entre outras esta partida. Case 11.000 persoas en todo o país que percibiron un importe medio de 434,07 euros durante o pasado ano.