Retiran máis de 3.500 niños de velutina en sete meses

Unha trampa para a vespa velutina, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O Seaga segue a loitar contra esta avespa.

A Consellaría de Medio Rural, a través de Seaga, vén de retirar máis de 3.500 niños de vespa velutina, a especie invasora que chegou á Galiza hai algúns anos e que preocupa especialmente ao sector da apicultora. As e os operarios expertos nesta tarefa tiveron que acudir a chamadas de alerta en 300 concellos do país, o 96% do total. 

O Seaga ocúpase dunha encomenda da Xunta, renovada o pasado 1 de marzo coa suma doutras 15 localidades, para esta función. A directora da Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mantiveron esta segunda feira un encontro de coordinación e de reforzo do Plan de loita contra a vespa velutina. 

Os máis de 3.500 niños que se eliminaron ou neutralizaron repártense entre eses 300 concellos nos que actúa a empresa concesionaria. Prieto explicou que, nesta resposta "homoxénea" para as zonas afectadas, buscando "unha maior eficacia na retirada e neutralización de niños", recibiron perto de 7.000 avisos de cidadáns, a maioría desde as comarcas atlánticas da Galiza.

No noroeste foi necesario eliminar 1.311 niños, mentres que no suroeste da Galiza suprimiron 1.835 en case sete meses. Os números foron moito máis baixos no conxunto do interior galego, ao superar por pouco os 400.

Reforzo da atención no teléfono 012

Para estas próximas semanas os servizos de emerxencia e retirada agardan un maior volume de chamadas porque o incremento de localización das colmeas acostuma a ser maior. En consecuencia, hai un reforzo na atención do teléfono 012, co que se pode contactar todos os días da semana de 8 a 20 horas. Ese horario ampliado estará vixente até outubro. 

Cómpre recordar que o ano pasado o número de chamadas máis elevado recibiuse no verán, acadando o máximo no mes de agosto, con case 7.000 avisos tan só nun mes, a mesma cifra que se computou entre xaneiro e xullo.

Estas variacións habituais nos anos anteriores fixeron que, o ano pasado e malia o confinamento estrito, fora preciso actuar en case 17.000 puntos do país para eliminar a ameaza que supoñen as velutinas, que prexudican industrias coma a do mel.