Retiran e destrúen tres proxectís en Valdoviño

Os tres proxectís retirados e destruídos polos TEDAX. (Foto: Garda Civil)
Atopunos unha veciña que estaba facendo labores de limpeza nunha nave.

Un equipo do TEDAX (Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos) da Garda Civil levou a cabo a retirada e posterior destrución de tres proxectís en Valdoviño (Ferrolterra), que foron localizados por unha muller.

Segundo informan nun comunicado, os feitos sucederon após a chamada telefónica ao cuartel da Garda Civil de Valdoviño por parte dunha veciña da localidade que, facendo labores de limpeza nunha nave que estaba a preparar para pór á venda, achou os tres artefactos.

Ao lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil e outra de Policía Local para verificar os feitos e acordoar a zona, onde confirmaron que se trataba de tres proxectís. Así, pasouse aviso ao Equipo de Desactivación de Explosivos da Comandancia da Coruña.

Son dous proxectís de 152,4 mm sen espoleta nin carga explosiva e un terceiro que si tería carga e espoleta, de 127 mm

Os TEDAX informaron posteriormente de que se trataba dun proxectil rompedor de artillaría completo con carga e espoleta de 127 mm e dous proxectís de 152,4 mm sen espoleta nin carga explosiva, procedendo á súa retirada e destrución nunha canteira situada nas proximidades do lugar.

As autoridades lembran o modo de proceder no caso de atopar un proxectil: non manipulalo, sinalizar o lugar mais evitando tapar o proxectil e notificalo á maior brevidade para poder desarmalo e destruílo.

Non é pouco frecuente atopar artefactos destas características, a maioría datados da guerra civil. De feito, esta mesma semana investigouse o achado dunha granada de man nunha estrada de Cambre (A Coruña), que podería remontarse a ese período.