No albo do PP e da vella prensa local

Retirada e resistencia nos centros sociais da Coruña

Interior do Ateneo Xosé Tarrío

Os movementos cidadáns da Coruña máis afastados da Marea retroceden aos centros sociais en medio dunha campaña de desprestixio desde a prensa local e os ataques do PP que os utilizan como arma contra o goberno municipal.  

Só hai unha pista de skate cuberta en toda a cidade. Está na Insumisa. No que fora a comandancia de obras do Exército, dependencias abandonadas. Propiedade do Estado cedida agora ao Concello da Coruña. A Insumisa é desde novembro un centro social ocupado. Na vella prensa local escríbeno con k. Okupas. Mesmo saltándose o seu propio manual de estilo, e as normas académicas. A ortografía ao servizo dun terror naif.

 

A Insumisa tomou o seu nome dun movemento antimilitarista que axudou a acabar coa mili no Estado a finais dos noventa. “Que mellor nome para un cuartel ocupado”, di unha das mozas habituais do “espazo”. Ningunha se identifica. Non queren máis lerias coa Policía. Estes días o foco pasou da Coruña a Compostela. Pero estes mozos van e veñen. Solidarios. Poñendo os corpos diante das porras ou da xenreira de La Voz de Galicia que hai meses iniciou unha campaña contra a okupación –un xenérico que condensa as diferentes formas de atentar contra a propiedade inmobiliaria–. O PP alimenta a axenda con roldas de prensa na porta de entrada ao centro social. E sinala o goberno da Marea Atlántica por non defender a sacrosanta propiedade –neste caso do Estado, por extensión a de calquera particular–. Aí vén parar todo. “É unha estratexia diáfana de utilizarnos a nós como arma contra o goberno municipal”, explica un dos máis novos. “Eu non leo a Voz, mais se a lese, entraríanme gañas de vir coñecer o sitio, non?”. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Insumisa respondeu cun comunicado: “Non temos nada que ver con Marea Atlántica. O Concello nunca fixo obras para mellorar a nosa seguridade”. O Concello cala e mira para outro lado, segundo denuncia o PP que di que o centro consume electricidade que pagan os coruñeses. No centro non hai auga. A horta régase se chove. E chove pouco. As cisternas dos baños énchenas cun sinxelo mecanismo de canlóns cando chove. A asemblea desta terza feira consome horas en pequenos asuntos domésticos. Rapaces que entran, cousas que desaparecen, quen debe ter as chaves, a limpeza. Malia a dura campaña da cabeceira local, os da Insumisa non papan nenos nin propietarios. 

 

Malia a dura campaña da cabeceira local, os da Insumisa non papan nenos nin propietarios

 

“Na cidade houbo ocupacións baixo gobernos do PSOE e do PP, e nin se preocuparon. Agora viron unha oportunidade para facer política, demagoxia. Mesturan todo sen pudor. Non pedimos nada a ninguén. Só estamos dándolle uso a un espazo que non o tiña desde hai máis de vinte anos e do que se coñece o propietario”, reflexiona un veterano. “Houbo ocupación durante tres anos nas Atochas, e logo outros tres en Palavea. Isto vai así, e se podemos, aquí habería que estar cinco anos polo menos”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Insumisa non funciona como vivenda. En sete meses, as vinte ou trinta persoas que habitualmente circulan, “a poboación é cambiante e variada”, rehabilitaron tres das naves, uns mil metros dos máis de catro mil que terá o conxunto. O Concello tiña orde de derrubar un dos edificios máis deteriorados, dos que dan ao Paseo Marítimo. “Entraron as máquinas, tiraron as paredes, pecharon cuns valados e marcharon”. Dúas das naves, as máis pequenas, son zona de ocio. Nunha está a pista; noutra, aberta cara ao patio central, hai unha mesa de tenis e uns sofás. Soa o timbre, entran uns rapaces e sentan e fuman un anaco alleos á asemblea na escaleira que rematará case de noite decidindo tapiar unhas fiestras. Na nave principal hai un ximnasio con tres sacos de boxeo, unha zona con chan de madeira para o baile (tango, capoeira) e o ioga, impártense cursos, “todo é gratis”. E está a sala para concertos e conferencias. A rehabilitación foi básica, “mais non hai perigo porque o teito está ben e imos reparando as paredes”, conta un dos habituais que se separa por un momento da asemblea. 

 

Alí onde o goberno do PP dixera que se ía facer un Centro de Produción e Deseño do que só se chegou a coñecer o nome (Cidea), a prensa desafecta viu un resort para okupas. Complexo turístico para ocupas, na ortografía académica. A campaña deriva apelando a sentimentos máis básicos co da propiedade. 

 

Reagruparse

 

Na Coruña hai outros centros sociais que tratan de zafarse da axenda mediática destas semanas, que acostuman a convivir mellor coa presión policial que coa da prensa. O Gomes Gaioso vai camiño de facer dez anos; a Própolis, máis vella, xa viviu momentos mellores e a actividade trasládase a outros espazos. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Ateneo Libertario Xosé Tarrío abriu hai dous anos nos Mallos, no barrio de Despertar Marítimo, un dos grandes sindicatos anarquistas de cando os anarquistas, antes da guerra, controlaban os bairros e eran quen de paralizar a cidade durante sete meses. Hai unha semana celebráronse aquí, e na Insumisa, e na Comuna, unhas xornadas sobre a historia da cidade nas que Emilio Grandío, o historiador, dixo que a cultura anarquista callara fondamente e non morreran algunhas actitudes en cidades coma Coruña, Cádiz, Zaragoza, Madrid, Barcelona, Valencia… “Que esteamos aquí é un pouco por casualidade, polo alugueiro barato, máis ben”, di Javi, na trintena, traballador en precario, “mais é certo que por aquí xa estivo a Ovella Negra nos oitenta”. Na porta do local un cartaz recorda que na Coruña de antes da guerra chegara a haber 14 centros sociais. 

 

Os libertarios partillan espazo e gastos con Nais contra a Impunidade, asemblea de mulleres da que fai parte Xosé Tarrío, preso e activista nos noventa. Por aquí pasan tamén ocasionalmente as asembleas de Stop Desafiuzamentos e esta noite haberá unha dun colectivo que promove unha nova moeda social. O local, apenas cincuenta metros, é unha biblioteca. “Quixemos facer un sitio amábel. Fuxir de certa estética e centrarnos no labor política. Non oferecemos talleres de ioga. Temos uns horarios, procuramos non facer ruído e que non se relacione isto cun lugar de festa”, conta Brais, xa perto dos corenta e tamén traballador en precario. Fináncianse con cotas, editan cómics con fotocopiadora, organizan charlas e proxeccións. Son poucos, falta xente desde que se abrira a Insumisa “e houbo que deitar traballo alí, mesmo estivemos tres meses sen actividades até que aquilo empezou a tirar”. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Hai simbiose coa Insumisa, si”, explican, “agora atacan a Marea, e de paso foden os ocupas. Todo parte dun tal Cañete, dunha asociación de hostaleiros, que denunciaron por competencia desleal. Todo apunta o PP, que agora desbloquea unha partida de millóns para facer obras alí. Nós non tivemos problemas. Unhas pintadas unha vez”.

 

Os libertarios recoñecen que hai un refluxo. A xente volve a precisar dos centros. “Non sei se é intencionado, mais é algo así. Cando a Marea chega ao Concello, moita xente se desmobiliza, e agora a Marea comete os erros de outros, querer apropiarse deses movementos. Eu xa deixei as Marchas da Dignidade”, confesa Javi.

 

Na Comuna, outro centro social que abriu tamén hai apenas dous anos, comparten esa visión respecto do regreso dos movementos sociais aos espazos. “Houbo unha dinámica de mobilización moi forte entre 2011 e 2015 que mudou e precisábanse sitios porque xa non se estaba na rúa e a xente foise desligando cansa”, di Brân, de 29 anos, que está varrendo o local, uns oitenta metros, unha sala “anticapitalista e feminista, aberta, sen etiquetas”. 

 

Na Comuna, outro centro social que abriu tamén hai apenas dous anos, comparten esa visión respecto do regreso dos movementos sociais aos espazos

 

“Quixemos facer un espazo transversal para conectar con outras lóxicas, loitas dispersas. Foi vindo a xente, apareceu. Non temos raíces políticas tan fortes como o Gomes Gaioso ou o Xosé Tarrío”, conta Silvia, de 33 anos. Aquí organizan charlas cada semana, as que máis xente traen son as conferencias sobre feminismo e LGTBI. Tamén hai cursos de ioga e baile galego. Esta tarde toca xuntanza dun grupo, Apoio Mutuo, dedicado ás persoas con trastornos psíquicos. As cotas de socios, uns 60, que achegan 50 euros ao ano, son a fonte de financiamento. “Toda esa xente estaba nalgún sitio, e co 15M viu a ocasión de facerse visíbel nun espazo máis amplo na rúa; agora xa non está nas rúas, mais non desapareceu”.

 

“O noso problema foi que cando abrimos cargáronos a cota residuos urbanos. Inda non se solucionou. Non temos ningunha relación coa Marea, non concorremos ás subvencións, cada quen decidiu que facer co seu tempo, nós entendemos que había que manter un peso fóra. Tampouco pretendemos ser un contrapeso. Se tes relación coas institucións, sempre te torces”, din. 

 

“Eles, a Marea, están nas institucións, polo tanto son sensíbeis ás críticas do PP e da prensa, nós non”, sinala Silvia. “Mais somos solidarios coa Insumisa, sentímonos aludidos. O único que fixeron foi darlle un uso a un espazo baleiro. A verdade é que doe o que están facendo, porque atacan a Insumisa para instalar esa crenza de que este é un goberno ocupa, ilexítimo”. 

 

Violencia en Compostela

 

“Temos que facer unha análise do que pasou en Compostela. Hai unha tradición policial alí, é certo; pero que aproveiten iso para golpear os concellos é o colmo”, opina Brân. “Desde a lei mordaza hai certa lexitimación da violencia institucional. O que é legal ten respaldo mediático e social; mais o legal so reflicte o poder, non a xustiza”, resume a súa compañeira.

 

No Ateneo, Brais y Javi tamén advirten dunha “campaña a nivel do Estado contra a ocupación”. “A banca quer manter as súas vivendas baleiras, crear unha imaxe negativa, e introducir leis que non puideron colocar antes”.

 

En Compostela, contan, na primeira manifestación de protesta polo desaloxo do centro social ocupado Escárnio e Maldizer, a Policía forzou a carga, mais non houbo detidos, “mesmo din que se lle escoitou a un mando dicir que non ían facer detencións”. Na segunda, houbo unha demostración de forza, “da eficacia policial, cun dispositivo máis amplo”. Pensan que querían “provocar disturbios, violencia”. Facer daquilo “un espectáculo mediático”. 

 

Na Insumisa, rematada a asemblea, cinco mozas e mozas xúntanse no patio a facer un balanzo rápido. “Hai unha campaña contra as ideas libertarias en todo o Estado, pasa na Coruña e pasa en Compostela, mais tamén en Madrid, Málaga ou Granada estes días. Pensan que coma os partidos de esquerdas gañaron voz, estas ideas están cobrando forza. E espazos coma este non interesan, porque non están dentro da lóxica do diñeiro, do consumo, do institucional. A ocupación é ilegal, e agora está máis penada; mais o Estado non ten outro mecanismo que a policía. O que pasou en Compostela é o final de moitos procesos. Estivemos nas Atochas, estivemos en Palavea, non sabemos como terminará isto, mais pensamos estar cinco anos polo menos.” 

 

Nota: As fotografías que aparecen no meio do texto, da autoría de E.D., son (1) a fachada do ateneo Xosé Tarrío; (2) a horta da Insumisa; (3) Silvia e Brân na Comuna, en Monte Alto; (4) sala de concertos e conferencias da Insumisa.