A retirada da máscara en interiores, máis perto

A ministra Carolina Darias adianta que a máscara podería deixar de ser obrigatoria nos espazos interiores moi cedo (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Goberno estatal di que "cada vez queda menos" para a súa supresión, mentres desde a Xunta indican que "revisarán" esta sexta feira a retirada da máscara dos patios das escolas.

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, asegurou esta cuarta feira en Compostela que "cada vez queda menos" para a retirada das máscaras en espazos interiores. Esa foi a resposta concisa que deu a preguntas dos medios de comunicación a respecto desta cuestión.

Por outra parte, a Consellaría de Sanidade afirmou que revisará esta sexta feira a posibilidade de retirar a recomendación de levar máscara nos patios dos colexios.

Advertiuno, tamén na mañá desta cuarta feira, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a preguntas dos medios após unha visita ao Hospital Clínico Universitario de Santiago con Carolina Darias.

"Esta mesma semana, como nos comprometemos, vaise revisar", asegurou Comesaña, que enmarcou esta análise "probabelmente no subcomité" clínico da sexta feira. "E informarase convenientemente", concluíu, en relación á decisión que se adopte.

Deste modo, o titular de Sanidade lembrou o "compromiso da Xunta" de revisar esta retirada da máscara nos patios de colexio unha vez avanzada a vacinación dos nenos de 5 a 11 anos.

De feito, até o momento foron vacinados contra a Covid-19 117.827 menores de 10 a 14 anos de idade e 88.161 de cinco a nove anos, e até 73,5% das e dos cativos comprendidos nestas idades recibiron, cando menos, unha picada.