A 'Operación Saída' provoca retencións quilómetricas e esperas de até unha hora na AP-9 e a A-55

As maiores retencións producíronse na AP-9 en sentido Portugal, á altura de Tui.
Os accesos a Portugal quedaron colapsados pola grande afluencia de vehículos.

O primeiro día da 'Operación Saída' con motivo dos festivos de Semana Santa provocou a primeira hora do día no suroeste do país, concretamente en Tui (Baixo Miño) e arredores, importantes retencións na autoestrada AP-9 e a autovía A-55. Nestes momentos o tráfico xa se restabeleceu, malia que a un ritmo lento.

A información achegada pola Dirección Xeral de Tráfico apunta que contra as 15 horas desta quinta feira o tráfico polas citadas vías era "lento" e con algunhas conxestións e retencións, aínda que xa moito máis aliviadas que as rexistradas durante a mañá, cando houbo vehículos parados entre 20 e 30 minutos e colas de varios quilómetros que alcanzaron o casco urbano de Tui e alcanzaron o concello veciño do Porriño.

Estas retencións que deixaron centos de condutoras e condutores atrapados até unha hora non se deberon a ningún accidente de grandes dimensións ou incidencia relevante, segundo a información transcendida até o momento: simplemente, o elevado número de vehículos nestas estradas retardou de forma considerábel a marcha.

Desde a DXT notifican agora unha conxestión por circulación irregular desde o quilómetro 174 da AP-9, á altura de Costa, até o quilómetro 177.8, en Telleira; e o mesmo acontece na A-55, antes da confluencia entre esta vía e a autoestrada para entrar en Portugal, cuxos accesos tamén se viron colapsados.

Todo isto nunha xornada na que xa se fai notar o bo tempo na meirande parte do país, nomeadamente nas comarcas do sur, con temperaturas que alcanzan os 26ºC en Ourense e os 25ºC en Vigo e Pontevedra.

Condutores á fuga

Por outra parte, a central de emerxencias do 112-Galiza vén de informar da fuxida de dous condutores, na tarde desta cuarta feira, do lugar no que protagonizaran senllos atropelos no Pino (comarca de Arzúa) e a cidade de Ourense. As vítimas, dúas persoas, precisaron asistencia médica e foron trasladadas aos centros hospitalarios de referencia.

Os feitos ocorreron nun intervalo de só unha hora e media, entre as 18.30 horas e as 20 horas desta cuarta feira. No atropelo do Pino, no lugar de San Migueliño, o condutor implicado no accidente, que manexaba un tractor, continuou a marcha após alcanzar un home que quedou tendido na vía. O 112 solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que trasladaron o home en vehículo especializado ao Hospital Clínico de Santiago. A Garda Civil de Tráfico acudiu ao lugar para recoller información sobre este sinistro co condutor implicado ausente.

Por outra parte, en Ourense, nomeadamente na Rúa Faustino Míguez, unha muller resultou ferida despois de recibir un golpe dun autobús. Tamén neste caso, o vehículo continuou a marcha. Desde o 112 pediuse a colaboración do persoal sanitario do 061, así como dos axentes da Policía Local.