Grandes retencións na AP-9 á altura do aeroporto de Vigo pola inauguración de Conxemar

Retencións na AP-9 á altura do Ifevi de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
O plan de tráfico especial cortou a entrada 157 da AP-9 desde a avenida do Tranvía de Vigo, tornando este treito da rúa dun único sentido cara ao Ifevi.

Decenas de condutores víronse envoltos a primeira hora desta terza feira nun grande atasco na autoestrada AP-9 ao seu paso polo aeroporto de Vigo, debido á inauguración da 24ª edición da Feira de Produtos do Mar Conxelados, Conxemar. O evento, que decorre entre esta terza e a quinta feira no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), reunirá máis de 700 empresas, batendo un ano máis a marca de expositores.

Así, desde primeira hora desta mañá rexistráronse retencións nas vías de acceso aos pavillóns, a pesar de que a apertura de portas para os visitantes non será até as 10 horas. Os organizadores de Conxemar impulsan un XI Congreso Conxemar-FAO centrado en “acordar solucións enfocadas á transformación azul e á sustentabilidade para toda a cadea de valor dos produtos do mar conxelados”.

Este ano, o plan de tráfico especial cortou a entrada 157 da AP-9 desde a avenida do Tranvía de Vigo, tornando este treito da rúa dun único sentido cara ao Ifevi. Aliás, para acceso exclusivo de expositores, abriuse un ramal até agora inhabilitado que conecta a AP-9 co aparcadoiro do recinto.

A inauguración oficial de Coxemar levarase a cabo a partir das 12 horas e acudirán, entre outros, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e a directora adxunta da División de Pesca e Acuicultura da Organización das Nacións Unidades para a Agricultura e a Alimentación (FAO), Vera Agostini, entre outras autoridades.

Un momento complicado para a pesca galega

O congreso desenvólvese nun contexto complexo para o conglomerado pesqueiro galego. Concretamente, o sector da conserva e dos conxelados representa 26,5% de todas as factorías do Estado, pero xera 48,1% do emprego e 59,1% do valor, o que significa que na Galiza se localizan as empresas máis grandes e eficientes.

Porén, no pasado exercicio a conserva e o procesado de peixe experimentou unha caída na produción, malia que a elevada inflación motivou que o seu valor monetario ascendese un 5,7%.