Restrinxido o uso de auga potábel en Betanzos tras un brote de gastroenterite

Tamén se limita o uso das fontes públicas de Betanzos. (Foto: Nós Diario)

O Concello busca reducir ou eliminar potenciais riscos para a saúde da poboación.

A Consellería de Sanidade solicitou ao Concello de Betanzos (comarca das Mariñas), após detectarse un brote de gastroenterite, que se restrinxa o uso da auga do abastecemento para que non se utilice para a inxestion (bebida ou preparación de comida), lavado de alimentos ou hixiene bucodental.

Faino no contexto do brote de posíbel orixe hídrica detectado a semana pasada e co fin de "reducir ou eliminar potenciais riscos para a saúde da poboación", explica o consistorio tras trasladarlle Sanidade esta cuestión.

Ademais, explica que non se pode descartar nas primeiras investigacións do brote "a implicación doutras instalacións como as fontes públicas non conectadas á rede municipal" polo que tamén se restrinxe o seu uso.

Esta comunicación trasladouse ao consistorio á espera de contar cos resultados das analíticas que está a elaborar, despois de recoller tomas en distintos puntos durante a segunda feira.

O consistorio indica que a empresa concesionaria segue a realizar un seguimento da cuestión e durante a tarde desta terza feira coñeceranse os resultados das mostras recollidas na segunda feira. As mostras recollidas o domingo están, segundo o Concello de Betanzos, "dentro dos parámetros esixidos".