Restricións de auga na Coruña, un problema que chegou para ficar

Case 400.000 persoas en poboacións da Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada -os sete concellos da área metropolitana da Coruña que desde hai tres semanas sofren restricións no consumo de auga, de momento limitadas aos usos públicos- agardan que a chuvia ou o bombeo desde o lago das Encrobas ao río Barcés sirvan como solución puntual para un problema, o da seca, que xa non é só cousa do sur do país.

As primeiras consecuencias da restrición no consumo na área da Coruña acordadas hai tres semanas na Mesa Metropolitana da Auga son que as rúas e beirarrúas están máis sucias, que non hai auga en fontes ornamentais e que se reduciron os regos nos parques e xardíns.

 

Emalcsa, a empresa pública que xestiona o subministro para unha poboación dunhas 390.000 persoas repartida en sete concellos, e Augas de Galiza decidiron hai unha semana iniciar o bombeo de auga do lago das Encrobas, a antiga mina de lignitos de Meirama, ao encoro de Cecebre a través do río Barcés.

 

Malia a chuvia dos últimos días, Cecebre está en torno a un terzo da súa capacidade, entrando augas do Barcés e do Mero nun volume de 700 litros por segundo, estima Emalcsa, mentres que a demanda retira das reservas uns 1.100 litros por segundo.

 

A solución de aumentar o caudal do río Barcés con auga bombeada das Encrobas provocou certa inquedanza nos diferentes concellos. E o BNG, que xa en 2013 reclamara que as obras de canalización de 1,4 quilómetros entre o lago e o río previstas no plan de encerramento da mina debía asumilas Gas Natural Fenosa e non a Xunta de Galiza (as obras non se completaron), advirte agora que é preciso que se garanta a salubridade das augas que se tomen do lago. 

 

Desde Emalcsa remítense ás análises “que desde o ano 2008 leva facendo, a diario, o Grupo de Enxeñería da Auga da UDC”. “Son máis de medio millón de probas”, subliñan fontes da empresa. E sinalan que o lago ten máis de douscentos metros de fondo, mais que as mostras se toman en superficie, até oito e dez metros como máximo, porque esas son “as augas de máxima calidade, a mesma que a auga do Barcés”. E advirten ademais que as augas de Cecebre están sometidas a un proceso posterior de depuración como última garantía.  

 

O que se pretende co bombeo (esa parte da infraestrutura xa está preparada) é compensar a diferenza entre o que entra en Cecebre e o que sae. “Non pretendemos encher o encoro”, din en Emalcsa para despexar calquera sospeita de intentar favorecer outros intereses máis alá das necesidades de consumo da área metropolitana. En Cecebre, a empresa Minicentrales Eléctricas de Galicia conta con autorización para o aproveitamento das augas que desborden desde hai uns anos. En metade das urxencias que provoca a seca, estas semanas chegouse a poñer enriba da mesa a posibilidade de completar a canalización do lago ao río que deixou sen facer Fenosa. 

 

Desde o BNG, a concelleira de A Coruña, Avia Veira, sinala que un investimento dese calibre, máis de oito millóns de euros segundo as estimacións iniciais, “non pode ser tratada ás présas por unha empresa pública que non dispón dese diñeiro” e pide que se realicen estudos “serios” sobre as necesidades futuras da comarca. “Estamos pedindo o mesmo que pedíamos no 2013, porque o problema da seca está aquí para ficar. Así que haberá que pór en marcha políticas de abastecemento e de aforro de todo tipo. Pode que esa obra sexa precisa, mais desde Emalcsa tamén se pode incentivar a renovación de infraestruturas domésticas coma as canalizacións e mesmo axudar a controlar os consumos como se fai noutros temas de aforro enerxético”.

 

María García, concelleira de Medio Ambiente na Coruña, responsábel tamén da limpeza viaria, asume que a crise provocada pola seca deste ano obrigará a revisar quer o sistema de abastecemento quer os consumos. “Levar auga do lago ao río Barcés non debería pensarse coma unha solución provisional con bombas de quita e pon. É urxente equilibrar Cecebre e para iso precisamos o bombeo, mais teremos que facer un estudo sobre a opción do túnel”, explica. Outras posibilidades están, de momento, desbotadas. As augas dos encoros de Vilasenín e Vilagudín, máis ao sur das Encrobas, non son aptas para o consumo humano. 

 

A restrición afecta só os usos públicos da auga. Desde o 2008 Cecebre non estaba nuns niveis tan baixos. E as augas do fondo, con máis lodos, son menos salubres. As previsións son que até mediados de decembro non caian chuvias suficientes para estabilizar o nivel das augas no encoro. Na Coruña, o concello decidiu eliminar o rego de parques e xardíns, e case todo os baldeos nas rúas, “só mantemos dúas unidades operativas”, di a concelleira. “Non hai prazos, seguiremos así o tempo que sexa necesario para non ter que restrinxir o consumo doméstico”.

 

Segundo Emalcsa, o consumo industrial supón 30% da demanda e as medidas de aforro acordadas poderían reducir até 10% o consumo total. “Non significa que nos usos públicos se vaia toda esa cantidade, o que sucede é que con estas medidas tamén se incentiva o aforro doméstico, que é o que tira máis do consumo”, explican desde a empresa. “Haberá medidas puntuais até saír da alerta pola seca”.

 

En Emalcsa tamén pensan que haberá que completar a canalización das Encrobas ao Barcés. A poboación da área coruñesa continúa a medrar. As industrias tamén esixen o seu. Repsol representa case 10% do consumo de Cecebre. Estrella Galicia (que está ampliando as súas instalacións na Grela) algo menos de 4%. Alcoa, outro gran consumidor, abastecíase até agora de auga da presa de Meicende, xa case completamente baleira, e comeza a usar a de Cecebre. Nun ano, o consumo da comarca vai até os 34 millóns de metros cúbicos, “e crecendo”, anotan desde Emalcsa, “e Cecebre ten unha capacidade de 22 millóns”.

 

“As restricións son razoábeis”, opina Avia Veira, “mais haberá que pensar en políticas de concienciación continuadas para incentivar o consumo responsábel por parte de todas e todos. E facer eses estudos e plans que levamos tempo reclamando. Tamén os ambientais, por como vaia afectar a obra ao entorno do Barcés”.

 

“Estamos nunha primeira fase”, di María García”, “esperemos que non haxa que activar máis restricións. O futuro pasa por procurar reservas alternativas a Cecebre, que non nos suceda o que sucede en Vigo, que se atopan con que non teñen alternativas, e pode tamén que o futuro pase por gravar os excesos no consumo doméstico ou en certas actividades industriais”. Polo de agora, o plan e esperar que chova de vez, que o encoro se vaia enchendo e se poidan voltar a limpar as rúas. 

 

Fotografías:

 

1. Encoro de Meicende xunto á cidade da Coruña, a quinta feira 30-N. Alcoa comezou a consumir auga de Cecebre diante da baixada de nivel das augas nesta presa.

 

2. Avia Veira, concelleira do BNG na corporación municipal da Coruña e representante da súa formación en Emalcsa.

 

3. María García, concelleira responsábel de Medio Ambiente no goberno da Marea Atlántica na Coruña.