Os restos do foguete chinés fóra de control caen á atmosfera sobre o Pacífico

Lanzamento dun foguete chinés. (Foto: Europa Press)
Centros de vixilancia espacial de todo o mundo estiveron monitoreando o reingreso á atmosfera terrestre do grande obxecto espacial CZ-5B

O Comando Espacial dos Estados Unidos de América (EUA) informou onte na súa conta de Twitter que "o foguete 'Longa Marcha 5B CZ5B' da República Popular China volveu entrar na atmosfera sobre o centro-sur do Océano Pacífico ás 10.01 UTC", unha hora máis no horario do Estado español.

Era o final da incognita de onde caerían os restos do artefacto chinés que mantivo preocupados aos territorios polos que estaba previsto que pasara na súa órbita, entre eles a península Ibérica. 

Vixilancia

Centros de vixilancia espacial de todo o mundo estiveron monitoreando o reingreso á atmosfera terrestre do grande obxecto espacial CZ-5B, a etapa central do foguete que lanzou Mengtian, o terceiro módulo da estación espacial chinesa, o 31 de outubro de 2022.

As primeiras novas do obxecto chegaron ao redor das 11 horas cando varias testemuñas indicaron a súa reentrada sobre Melbourne (Australia), coincidindo coa órbita prevista. Ás 11.01 horas realizou a súa entrada sobre a atmosfera do Pacífico sur, segundo o mando espacial do Exército de EUA.

Pasou sobre a península Ibérica

En dúas das súas órbitas finais a traxectoria pasou sobre a península Ibérica, o que provocou alteracións no tráfico aéreo para evitar riscos, paralizando parte do espazo aéreo do Estado español e Portugal.

A Axencia Europea de Seguridade Aérea fechou pola mañá os aeroportos de Catalunya, Balears, Aragón, Castela e León, Nafarroa e A Rioxa con este obxectivo. O foguete tiña unha masa de entre 17 e 23 toneladas e un tamaño duns 30 metros, o que o converte nunha das pezas de entullos máis grandes que reingresaron na Terra nos últimos anos.