Os restaurantes poderán servir ceas até o 23 de abril sen os medidores de CO2 mais con ventilación

A Xunta opta por adiar unha semana esta obriga.

Tendas, centros comerciais e servizos profesionais poden ampliar o seu horario desde esta sexta feira.

Os establecementos de hostalería con licenza de restaurante poderán servir ceas a partir desta sexta feira 16 de abril, pero para iso deberán cumprir unha serie de requisitos que se engadiron ao Plan Hostalería Segura, que xa implantou o rexistro  QR hai unhas semanas.

Do mesmo modo que ocorreu con aquel sistema cuxo prazo de aplicación tívose que prorrogar, nesta ocasión a Xunta dá unha semana máis para que os propietarios dos locais adquiran os aparellos de control de CO2 para controlar o aire, que serán obrigatorios desde o 23 de abril.

Desta maneira, os establecementos que desde esta sexta feira dean ceas, as cales deben finalizar no horario establecido do toque de recoller co tempo suficiente de regresar ao domicilio (o toque de recoller vén de ampliarse até as 23 horas), deberán contar cun sistema de reservas e citas previas, que xa debe utilizarse este 16 de abril.

Con todo, "e sen prexuízo do deber de garantir a ventilación correcta do local, a obriga de utilizar dispositivos medidores de CO2 terá efectos a partir das 00:00 horas do día 23 de abril de 2021", sinala o Diario Oficial de Galiza (DOG), na orde publicada.

As novidades para a hostalería foron anunciadas esta cuarta feira polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen entendeu que habería que outorgar uns días de prazo para poder adaptarse a estes novos criterios, aínda que sinalou que moitos establecementos xa contaban con este sistema para medir o aire.

Requisitos

Os requisitos son para aqueles establecementos que contan con licenza de restaurante e decidan ampliar o horario máis aló das 21,00 horas (o que está establecido para os bares). Ademais, incumben exclusivamente para o servizo de ceas.

Concretamente, deberán xestionar a ocupación das mesas para o servizo de ceas a través de reserva ou cita previa. Co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos de covid-19, levará a cabo un rexistro de clientes do servizo de ceas que inclúa DNI e número de teléfono.

A persoa responsable do establecemento, terá a obrigación de custodiar a listaxe, polo menos, un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñíbel para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

A correcta ventilación do local valorarase co uso de dispositivos de medidores de CO2, que deberán dispoñer dunha pantalla que mostre os niveis en tempo real e nunha zona visible para os usuarios. Estes dispositivos deberán levar o rexistro CE e deberá axustarse ás indicacións técnicas aplicables e ter en conta o tamaño e a forma do espazo, as súas entradas de aire e o fluxo de ventilación.

Desta forma, os aparellos non poderán estar situados preto de xanelas, portas ou outros puntos de ventilación. No caso de sistemas mecánicos de ventilación, débense asegurar en todo caso o nivel de CO2 interior. Persoal cualificado documentará o mantemento adecuado e as actuacións realizadas.

Ademais, tanto nos casos de ventilación natural, como nos de ventilación mecánica ou mixta, non se deberá superar no interior as 800  p.p.m. de concentración de CO2. Será responsabilidade do local adoptar as medidas precisas de renovación do aire para que non se supere esta cifra indicada.

Mesas e capacidade

O Diario Oficial de Galiza (DOG) tamén modifica o plan de hostalería engadindo un apartado. Así, recóllese que as mesas e cadeiras "deberán distribuírse no local de forma homoxénea" dentro da porcentaxe máxima de uso interior establecido dispoñible, evitando "a concentración en espazos concretos, especialmente, naqueles que dispoñan de varias salas ou comedores".

Nos casos nos que se dispón de varias salas ou comedores, a superficie dos que permanezan sen uso non computarán para efectos da capacidade interior dos establecementos, engade o DOG.

Tendas, centros comerciais e servizos profesionais poden ampliar o seu horario desde esta sexta feira

No que atinxe aos establecementos comerciais, que cuxo horario de apertura ficara limitado desde o 17 de marzo ata as 21:30 horas, a nova orde establece que "o horario de peche dos ditos establecementos e locais será o que teñan fixado de acordo coa normativa vixente, debendo respectar en todo caso as limitacións establecidas para a mobilidade nocturna".

As tendas, locais comerciais e servizos profesionais abertos ao público, así como os centros e parques comerciais, poden ampliar así o seu horario de atención ao público, dentro dos límites do toque de recoller que gaña unha hora máis e situarase nas 23.00 horas.