Restaurada a escultura das Marías após o último ataque vandálico

Acto vandálico sobre a escultura compostelá das Marías. (Foto: Apatrigal)

"Discriminounos a sociedade, non Franco", rezaba a pintada, que foi eliminada

A escultura das Marías, obra de César Lombera, situada en Porta Faxeira, xunto á entrada ao paseo central da alameda de Santiago de Compostela, foi reparada tras sufrir un novo ataque vandálico en modo de pintada que, coa mensaxe "Discriminounos a sociedade, non Franco", apareceu esta fin de semana.

A figura afectada pola pintada era a de Maruxa, que representa a unha das irmás (a de maior estatura é Coralia).

A limpeza foi realizada por Yolanda Porto, segundo indicou o Concello da capital galega, por indicación de César Lombera.

Ademais, agora daráselle á icónica escultura compostelá un tratamento antigraffiti, co fin de que sexa máis sinxelo acometer unha nova limpeza no caso de que se produza un novo feito similar, tendo en conta que non é o primeiro ataque vandálico que sofre.

Chamamento a que "deixen de existir" estas pintadas

A preguntas dos medios, durante a súa visita ao CEIP Quiroga Palacios con motivo do inicio do curso escolar, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, explicou que sempre se recorre á opinión do autor para reparar a escultura ante situacións deste tipo.

Pero, sobre todo, remarcou que o importante é realizar un chamamento "a que deixen de existir estas pintadas". "Non é a primeira vez que sucede, nin con As Marías, nin con outras, é un atentado contra o patrimonio", aseverou.