Restauración en Arbo de fontes, lavadoiros... e simboloxía franquista

A reparación e posta en valor deste patrimonio renovou símbolos da ditadura.

Fontes e lavadoiros son elementos patrimoniais moi presentes en partes importantes do noso territorio e que aínda se manteñen vivos e útiles en non poucas delas. A posta en valor destes elementos é en moitos sitios unha demanda veciñal. Mais hai veces que esa reparación e restauración abrangue outros aspectos non pedidos, como o mantemento ou renovación de simboloxía franquista presente nesas fontes e lavadoiros.

En Arbo, onde o PP goberna con maioría absoluta, a páxina do concello informa da fin das obras desenvolvidas en diferentes fontes e lavadoiros do municipio. Nalgunhas delas, como na da fonte de Barrocas, destaca (para alén da utilización de cemento nunha obra orixinaria en pedra) o rechamangueiro pintado en vermello do símbolo falanxista do xugo e as frechas acompañado do ano de construción (1953) e das siglas OSM, correspondentes a Obra Social del Movimiento.